A Comisión Europea aproba o PDR de Galicia 2014-2020: investiranse no rural galego máis de 1.180 millóns

Este novo PDR dá continuidade á política en materia de desenvolvemento rural que ven realizando a Xunta co apoio das achegas comunitarias do Feader, máis concretamente a través do Programa de Desenvolvemento Rural 2007-2013, que rematará a súa vixencia a finais de 2015.
O documento que hoxe obtivo luz verde de Bruxelas establece 3 liñas básicas de actuación, en concordancia cos obxectivos definidos pola Política Agraria Común. En primeiro lugar, fomentar a competitividade da agricultura galega mediante a modernización das explotacións agrícolas e forestais, incorporando agricultores mozos en explotacións orientadas ao mercado e con capacidade de diversificación económica, ordenando o territorio e mellorando a produtividade da industria agroalimentaria e forestal. En segundo termo, conservar e revalorizar o patrimonio natural de Galicia, promovendo a xestión sostible dos recursos naturais e a loita contra o cambio climático. E, en terceiro lugar, mellorar a calidade de vida da poboación rural fomentando a prestación de servizos básicos que axuden á fixación da poboación no medio rural, a creación de emprego e a redución do risco de pobreza.
O PDR céntrase de maneira especial no fomento da remuda xeracional no agro galego. Deste xeito, destinará 66,8 millóns de euros para apoiar aos mozos e mozas que queiran instalarase para desenvolver actividades agrícolas. Por outra banda, a mellora das explotacións contará cun apoio de máis de 166 millóns de euros. Estas liñas están acompañadas do apoio ás pequenas explotacións con 14,4 millóns de euros e de axudas á creación de agrupacións de produtores que permitan mellorar a posición negociadora fronte ao mercado con outros 5,3 millóns.
Ademais, para a mellora dos accesos ás explotacións e da súa base territorial investiranse 57,4 millóns de euros, destinados a infraestruturas relacionadas con desenvolvemento, adaptación e modernización da agricultura e a silvicultura (concentración parcelaria e camiños).
Outro apartado do PDR é o relativo ao apoio á industria agroalimentaria para permitir a vertebración do sector primario incrementando o valor engadido das producións agrícolas e gandeiras, para o que se contará con máis de 94,7 millóns de euros. Nesta liña, as indicacións xeográficas protexidas e as denominacións de orixe disporán dun apoio de 15,84 millóns de euros.
O impulso do sector forestal é outro eixo prioritario deste programa. Así, para investimentos en tecnoloxías forestais haberá un total de 53,4 millóns. Para o establecemento e mantemento de superficies forestais (forestación) o orzamento é de 49,3 millóns de euros e para investimentos destinados a aumentar a resiliencia e o valor medioambiental dos ecosistemas forestais (investimentos forestais de carácter ambiental) a achega elévase a 18,7 millóns de euros.
O PDR de Galicia considera que un medio rural dinámico non depende só do sector agroforestal, polo que a Xunta aposta tamén pola dinamización da poboación rural a través do investimento, creación e desenvolvemento de actividades non agrícolas con preto de 26,3 millóns de euros. O mantemento da poboación agraria nas zonas de montaña ou con outras limitacións naturais recibirá un apoio de máis de 116 millóns de euros.
O desenvolvemento dunha agricultura e gandería sostibles e respectuosas co medio ambiente e os recursos naturais é tamén unha prioridade do Goberno galego. Con esta medida apóianse actuacións encamiñadas a prácticas extensivas de gandería de vacún de carne e leite, apicultura e razas autóctonas en perigo de extinción de pastos. A achega será de 65,3 millóns de euros, aos que hai que engadir que, por primeira vez, se poña en marcha unha liña especificamente dirixida á produción de agricultura ecolóxica cun apoio de 12,7 millóns de euros para o conxunto do período.
O programa apostará tamén pola participación grazas ao enfoque Leader, mediante o que a poboación rural será a protagonista definindo ela mesma a súas estratexias de desenvolvemento local. Porase ao servizo do desenvolvemento local un orzamento de 84 millóns de euros.
Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia