Medio Rural anuncia o impulso dun Plan Estratéxico de Fortalecemento do Sector Lácteo en Galicia

Ángeles Vázquez fixo este anuncio na súa visita a 2 explotacións leiteiras situadas no concello lugués de Vilalba e nas que destacou tamén que a provincia de Lugo é a máis beneficiada, dentro de Galicia, do anticipo das axudas da Política Agraria Común (PAC) que hoxe empezaron a cobrar os máis de 26.000 agricultores e gandeiros galegos, por un importe total de 65,3 millóns de euros.
Así, segundo salientou a titular de Medio Rural, tanto a maioría dos beneficiarios (10.397) como a maior parte dos fondos pagados (30,1 millóns de euros) corresponden á provincia lucense. Deste xeito, case o 40% dos beneficiarios e arredor do 46% do importe pagado pertence a Lugo.
Na súa visita, a titular de Medio Rural indicou que estas achegas da PAC engloban as axudas correspondentes ao Pagamento Básico aos Agricultores (Réxime de Pago Básico), o Pagamento para os agricultores que apliquen prácticas agrícolas beneficiosas para o clima e o medio ambiente (Pago Verde) e a Axuda acoplada ao sector lácteo.
No resto das catro provincias galegas, a distribución dos pagamentos é a seguinte: Un total de 9.575 beneficiarios son da Coruña, cunha axuda de 24 millóns de euros; en Pontevedra son 2.805 persoas cun importe de 6,2 millóns de euros; e, finalmente, Ourense acapara 4,9 millóns de euros para 3.230 beneficiarios.
A diferenza doutras Comunidades Autónomas que optaron por realizar pagos parciais dun terzo dos importes máximos autorizados; en Galicia co obxecto de facilitar a transparencia e a integridade dos pagamentos, efectuarase este pagamento de forma conxunta, polo que estes 65,3 millóns de euros supoñen o maior anticipo da PAC pagado nunca en Galicia. Desta forma, os gandeiros e agricultores galegos terán liquidez para poder paliar na medida do posible as dificultades financeiras e os problemas de tesouraría, en tanto non se alcance a estabilización dos mercados.
Sociedades agrarias de transformación
A conselleira, acompañada pola directora xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, Belén do Campo, e o alcalde de Vilalba, Gerardo Criado, achegouse esta mañá ata as sociedades agrarias de transformación (SAT) San Martiño e Revolta. A primeira delas agrupa a un total de 6 socios, cunha idade media de 43,3 anos. Ten unha cabana de 400 cabezas. Pola súa parte, a SAT Revolta está tamén constituída por 6 socios, cunha idade media de tan só 39,5 anos e conta con 385 cabezas de gando.
Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia