O I+D+i no rural centra o debate da última reunión de 2015 no Comité das Rexións

Co obxectivo de facer un seguimento trala súa aprobación, Gamallo participou hai unha semana en Bruxelas no seminario “Acuicultura en Movemento” onde resaltou a necesidade de mellorar a competitividade do sector sen prexuízo do cumprimento das normas medioambientais de xeito que o seu crecemento teña o mínimo impacto nos ecosistemas circundantes. Precisamente en consonancia co solicitado no ditame, a Comisión Europea ven de publicar os resultados da consulta pública sobre o etiquetaxe ecolóxico na UE en produtos da pesca e acuicultura que se lanzou co obxectivo de obter o punto de vista do sector.
Discusión e aprobación de ditames
Neste último encontro do ano debatéronse e aprobáronse tres ditames de iniciativa. Especialmente relevante para Galicia foi o debate sobre a innovación e a modernización da economía rural, xurdido a raíz dun proxecto de ditame sobre esta materia. A estratexia Europa 2020 céntrase sobre todo nas cidades, deixando a un lado o potencial das zonas rurais, que representan o 91% do territorio da UE, o 60% da súa poboación e o 56% dos postos de traballo. Ademais, o rural resulta imprescindible para lograr unha maior cohesión territorial e un desenvolvemento sustentable. Por este motivo o CdR recomenda neste ditame medidas como trasladar o concepto das chamadas cidades intelixentes ás zonas rurais, apoiar o desenvolvemento e a innovación e fomentar una mellor oferta de formación profesional en zonas rurais. En canto ás medidas fronte o cambio demográfico, outro dos obxectivos debe ser intentar fixar a poboación no rural dentro dunha estratexia global sobre demografía.
Outro dos documentos debatidos céntrase no establecemento dun marco para a recompilación e xestión de datos no sector pesqueiro. Este ditame xurde en resposta a unha proposta de Regulamento do Parlamento Europeo e o Consello para pedir a estas institucións que teñan en conta ás autoridades rexionais e locais nesta materia. A proposta é un paso fundamental para a recompilación fiable de datos que facilite unha avaliación máis precisa das poboacións e ecosistemas mariños.
O último debate da sesión centrouno un ditame sobre turismo adaptado ás persoas de idade, que pretende chamar a atención sobre a necesidade de cambiar a oferta turística de xeito que responda ás necesidades deste sector da poboación.
Os representantes rexionais e locais desta comisión discutiron tamén a posibilidade de elaborar un ditame de iniciativa sobre o desperdicio de alimentos. Esta proposta xurde do feito de que a seguridade alimentaria pode verse afectada polo contexto actual de cambio demográfico e climático, cambiando a forma na que se producen e consumen os alimentos. Tratándose da última reunión do ano, aprobouse tamén o programa de traballo da comisión NAT para 2016, que se centrará na Política Agraria Común (PAC) e o desenvolvemento rural, os asuntos marítimos e a pesca e nas políticas alimentarias e de saúde pública.
A Comisión NAT do Comité das Rexións europeo
Neste mandato, Galicia participa nas comisións NAT e CIVEX do CdR. A comisión NAT encárgase de temas como a Política Agrícola Común (PAC), o desenvolvemento rural ou a pesca.
O Comité das Rexións é a asemblea consultiva na que están representados os entes locais e rexionais da Unión Europea. En representación da Comunidade Autónoma de Galicia, o membro titular é o propio presidente da Xunta de Galicia, mentres que o cargo de membro suplente recae no director xeral de Relacións Exteriores e coa UE.
Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia