O Lago dos Cisnes, do Ballet Nacional Ruso, na oferta cultural do Auditorio Municipal

Radchenko, graduado na Escola de Danza de Moscú, uníuse ao Ballet do Teatro Bolshoi, onde traballou durante 25 anos nos que foi parella de baile da mítica Maya Plisétskaya, a quen lle quixo dedicar esta xira por 56 países do mundo e pola que, logo de dous meses, xa viron 30.500 espectadores. A función será o xoves 17 ás 20:30 horas, e os prezos van dos 18 aos 22 euros.
A programación do Auditorio continúa o venres 18 coa actuación de Antón Coucheiro e o seu espectáculo 'Psicópata', unha comedia negra con doses de humor, maxia, música, sangue e moita provocación que promete non deixar a ninguén indiferente. A obra, de 70 minutos de duración, conta as aventuras (e desventuras) do coñecido coma asasino do cútter. A función é o venres ás 20:30 horas na sala principal.
O sábado 19 é o turno dun clásico da literatura infantil: 'Os músicos de Bremen', conmovedor conto dos irmáns Grimm que está acadando un grande éxito de de público pola súa exquisita interpretación. O espectáculo comezará ás 17:00 horas e, malia que está dirixido ao público infantil, tamén pode causar sensación entre os que manteñan viva a súa inocencia infantil.
Logo do musical chega o desfile inaugural da Mostra de Teatro Infantil de Ourense (MOTI). Dende as 19:00 horas, e con saída do Parque San Lázaro, a obra Maremoti percorrerá a rúa do Paseo ata a Praza Maior co espectáculo MareMOTI', da compañía Trécola Teatro. A MOTI desenvolverase do 26 ao 30 con 18 compañías de todo o Estado e máis de 20 funcións para idades comprendidas entre os 0 e os 12 anos.
A semana remata no Auditorio con 'O Apalpador conta con vós', o domingo 20 ás 12:00 horas, a mítica personaxe da tradición galega faralles pasar aos máis cativos unha hora chea de maxia.
Todas as entradas poden adquirirse en ataquilla.com ou 2 horas antes do inicio de cada sesión na billeteira do Auditorio.
Exposicións que se poden visitar estes días
A oferta do Auditorio Municipal complétase coa exposición fotográfica 'Miradas do presente, ou pegadas do pasado?', que estará ata o 31 de decembro no marco do Outono Fotográfico, ao que tamén pertencen as tres exposicións fotográficas que alberga o Museo Municipal durante todo o mes. O Espazo Lusquiños tamén alberga outra exposición do Outono Fotográfico, 'La forma bruta' de Martín Bollanti.
Este venres inaugúrase ademais a mostra pictórica de Felipe Criado no Museo Municipal, que se complementa coa exposición 'Ourense 2015' de Alexandro na Sala Valente ata o 31 de xaneiro.
No parque do Barbaña, e ata o 14 de xaneiro ininterrompidamente, continúa a exposición de carácter didáctico 'Era unha vez... a fala!' da Fundación la Caixa, coa posibilidade de facer visitas guiadas.
Os cidadáns que transiten pola rúa do Paseo poderán atoparse, igualmente, coa exposición gráfica '25 anos máis', que fai un percorrido por un cuarto de século do Campus de Ourense da Universidade de Vigo.
Desde esta mañá, ademais, e logo da inauguración á que asistíu o alcalde de Ourense, Jesús Vázquez, pódese visitar no Obispado de Ourense a exposición “Belenes del mundo”. Será até o 8 de xaneiro en horario de 10:00 a 13:00 horas, excepto festivos. Pero non será o único espazo no que visitar nacementos, xa que desde mañá ábrense ao público os beléns do Concurso de Nadal. Neste sentido, o máis famoso de todos está na praza de San Cosmede e San Damián: o belén de Arturo Baltar permanece aberto todos os días en horario de 12:00 a 14:00 horas e de 18:00 a 20:00 horas pola tarde. Os festivos, só abre en horario de tarde.
O Museo Arqueolóxico Provincial de Ourense organiza ata o 28 de febreiro na sala de exposicións de Afundación a mostra “Alicerces”, sobre a evolución urbana da cidade das Burgas nos seus últimos cinco séculos de historia.
Pola súa banda, na biblioteca municipal pódese ver a mostra ‘Xosé Filgueira Valverde (1906-1996). Un faro na construción de Galicia’, un proxecto expositivo itinerante co que a Xunta de Galicia homenaxea o autor das Letras Galegas 2015.
Por completar a oferta expositiva da cidade de Ourense, o Centro Cultural Marcos Valcárcel acolle o 'Fotodiario de Álex Mene, e o xoves inaugurará unha nova exposición do pintor Manuel Quintana Martelo, artista vigués afincado en Nova Iork e que leva desde a década dos 70 expoñendo por todo o mundo.
Fotografía: http://www.teatrocolon.es/es/evento/el-lago-de-los-cisnes-russian-national-ballet/
Gabinete de Comunicación do Concello de Ourense