Skip to main content
A | B | C | D | E | F | G | I | L | M | N | O | P | Q | R | S | T | V | X | Z

O concelleiro de Asuntos Sociais e o vicerreitor de Investigación asinan un convenio para dinamizar o Verbum

O concelleiro de Asuntos Sociais, Ignacio López-Chaves Castro, e o vicerreitor de Investigación da Universidade de Vigo, Salustiano Mato de la Iglesia, asinaron hoxe un convenio de colaboración entre ambas entidades para a dinamización do Museo Verbum-Casa das Palabras.

Este acordo, que terá vixencia bianual e supón un investimento de 39.926 euros,
prevé a realización de diversas actividades, especialmente as que teñan que ver con finalidades docentes, investigadoras e comunicativas.
Ademais, vincula en particular ao departamento de Traducción e Lingüística da UVI, e en particular a profesora deste área na Universidade de Vigo. Maruxa Cabeza Pereiro, que será a responsable de desenvolver o proxecto.

Segundo López-Chaves, na inauguración da Casa das Palabras cometeuse o erro de non contar inicialmente coa Universidade na súa primeira etapa, e por este motivo quere darlle un papel fundamental na súa revitalización.

O "Plan de dinamización do Museo Verbum" vai dirixido fundamentalmente a tres sectores: os escolares, a través de visitas guiadas e actividades didácticas dentro do programa "Vigo por dentro", os adultos, cooperando con diversas asociacións veciñais e culturais e concertando visitas telefónicas, e as familias, adecuando os horarios ao tempo de ocio de que estas dispoñen.

Noutra liña de actuación, o Verbum pretende darlle proxección ao museo mediante a explotación das súas instalacións para a organización de cursos, seminarios e actividades culturais de todo tipo.



Neste sentido o responsable de Cultura manifestou que a rebaixa dos prezos de aluguer das salas ten dado resultados positivos.
Pola súa banda, o vicerreitor de Investigación da Universidade de Vigo, Salustiano Mato, comentou a súa satisfacción polo acordo alcanzado e explicou que os obxectivos e a configuración do Verbum precisaban dun asesoramento, "non só de marketing e planificación estratéxica propia da actividade museística, senón tamén científica".
Segundo Salustiano Mato o primeiro paso foi abordar o máis inmediato, "a atracción da cidadanía", para acadar logo un nivel maior de ambición co desenrolo dunha liña de investigación.

"Converter o Verbum nun centro neurálxico de seminarios, cursos e charlas que concentren a unha variedade de expertos no cultivo da palabra", explicou.
Finalmente, a responsable do programa de actividades do Verbum, Maruxa Cabeza, explicou que un dos obxectivos do plan de dinamización é "facer do museo un lugar máis amable e máis atractivo para todos".

Por iso, ademais de organizar actividades nas tres direccións antes citadas, as persoas con algunha minusvalía psíquica ou motriz, así como xordos ou cegos tamén terán programas específicos para o aproveitamento do museo, cuestión que se xestionará coas propias asociacións que agrupan estes colectivos.

Maruxa Cabeza explicou tamén que o poxecto supón a corrección das deficiencias atopadas na presentación de contidos do museo, “buscando a presentación máis axeitada aos criterios científicos”.
Pilar Martínez, Departamento de Cultura