Sanidade coordinará o proxecto Empattic cun orzamento de 5 millóns de euros e fondos da UE
![](http://www.galiciadigital.com/images/notas/fotos/empattics.jpg)
Por medio desta iniciativa, búscanse tecnoloxías para incrementar a adherencia aos tratamentos, facilitar a xestión e o autocoidado dos pacientes, potenciando as ferramentas que axuden aos enfermos a desenvolver actitudes máis saudables, e, ademais, mellorando a comunicación entre os doentes e os profesionais de saúde.
No desenvolvemento deste proxecto, enmarcado na convocatoria Horizon 2020 da Comisión Europea, acompañarán á Consellería de Sanidade outros dous socios españois, o Servizo Aragonés de Saúde e a axencia de comunicación M&C Saatchi, ademais de socios procedentes das rexións de Midtjylland (Dinamarca), lle de France (Francia), Eslovenia e do Reino Unido.
Avaliar o cumprimento do tratamento
Cómpre subliñar que, nos últimos anos, vén de aumentar o interese referido á autoxestión da enfermidade por parte do paciente, o que vai contribuír a que tome decisións non só para aumentar a súa saúde, senón, tamén, o seu benestar, diminuíndo a súa dependencia dos servizos de saúde e contribuíndo, deste xeito, a un uso máis efectivo dos recursos sanitarios.
Unha parte importante desa autoxestión da enfermidade é o aspecto relacionado co apoio á adherencia ao tratamento e a minimización da non adherencia. Sinalar, ao respecto, que a non adherencia ao tratamento está estimada nun 50% en pacientes con enfermidades crónicas. Así, hai moitas evidencias de que enfermos de diabetes teñen dificultades na adherencia ao tratamento o que supón unha diminución da calidade de vida e un mal uso dos recursos sanitarios. En consecuencia, observouse que os enfoques máis efectivos para unha maior adherencia son os que teñen en conta múltiples niveis, e este é o plantexamento que se propón no proxecto Empattics.
En definitiva, Empattics pretende conseguir métodos sinxelos, eficaces e rápidos para avaliar o cumprimento do tratamento, a detección do paciente incumpridor e analizar os factores que determinan o incumprimento mediante entrevistas estruturadas e por medio da aplicación de estratexias dirixidas ao doente e ao coidador.
O pasado día 21 de decembro xa se reuniron en Madrid todos os socios de Empattics para concretar os pasos que se terán que dar a partir do día 2 de febreiro, data oficial de comezo desta iniciativa.
Sinalar, por último, que Empattics lanzará, nos vindeiros meses, un chamamento a outros servizos de saúde europeos que queiran participar nesta iniciativa.
Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia