Skip to main content
A | B | C | D | E | F | G | I | L | M | N | O | P | Q | R | S | T | V | X | Z

Mar aplaude o respaldo do cerco á reasignación da cuota deseñada pola Xunta

A Xunta aplaude que os representantes do cerco valorasen positivamente a proposta de reasignación de cota deseñada pola Administración galega. Así o sinalou a conselleira do Mar, Rosa Quintana, tras a xuntanza que mantivo cos representantes das asociacións de todo o sector do cerco de Galicia e coas distintas organizacións sindicais.

O obxectivo da reunión era o de intentar que achegasen posicionamentos sobre a proposta deseñada pola Xunta a petición do propio sector e que consiste en buscar unha “base mínima” de posibilidades de pesca para os barcos que non dispoñen de cota. Deste xeito, contempla a asignación dun mínimo de toneladas de xurelo para cada barco en función do seu tamaño e partindo de 10.000 quilos para os máis pequenos (5 GTs).

Segundo explicou a conselleira, os asistentes á reunión “valorárona positivamente e agora vana consultar cada un nas súas asociacións para podernos transmitir se a aceptan”. De ratificar este modelo de traballo, a Xunta informará ao MAGRAMA da decisión adoptada polo sector.

Nesta reunión a conselleira do Mar estivo acompañada polo director xeral de Pesca, Acuicultura e Innovación Tecnolóxica, Juan Maneiro, e a ela asistiron representantes da Asociación de armadores do cerco de Galicia (Acerga), de Cerqueiros Galegos, da Federación Galega de Confrarías, da Cooperativa de Armadores de Ribeira, da Organización de Produtores Pesqueiros OPP 07 Lugo e da Cooperativa de armadores de pesca do Porto de Vigo, ARVI. Tamén asistiron representantes da Confederación Intersindical Galega (CIG), Unión Xeral de Traballadores (UXT) e Comisións Obreiras (CCOO).
Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia