O BNG apoia aos mariñeiros do cerco nun reparto xusto da cota de pesca

A delegación nacionalista estará integrada por responsables políticos do Bloque en todas as institucións, tanto en Bruxelas, como no Parlamento galego e nos concellos afectados. Ana Miranda, portavoz do BNG na Eurocámara; Félix Juncal, alcalde de Bueu; Leticia Santos, alcaldesa de Moaña; Pilar Branco, portavoz municipal de Marín; Ornela Fernández, tenente alcalde Vilaboa; Mercedes Giráldez, concelleira en Cangas; Xosé Leal, deputado provincial en Pontevedra, e Daniel Rodas, portavoz parlamentario de Pesca.
Rodas critica “o cambio de modelo que se levou a cabo hai dous anos, que supuxo pasar dun reparto lineal igual para todos a outro onde os supostos dereitos históricos concentran o 70% da cota de pesca nun número reducido de embarcacións, o que supón a ruína do resto da frota flota”.
Este modelo, explica o deputado nacionalista, está a ser cuestionado polo sector “dende o primeiro”, tras comprobar que significa “a ruína” para a maioría das embarcacións. “Agora finalizou o período de proba e queda demostrado que este novo modelo penaliza precisamente a quen respectou as normas e fixo unha xestión máis sostible e responsable dos recursos pesqueiros”, argumentou.
O BNG considera inviable un sistema que supón “privatizar o dereito de pesca” , pola vía de concentrar o reparto da cota nunhas poucas embarcacións. “O que debería ser de todos pasa a unhas poucas mans, sen garantir nin a viabilidade económica, nin o mantemento do emprego”, polo que chegou o momento, reclama Rodas, de recuperar “os criterios de igualdade, sustentabilidade e xestión moderna e respectuosa dos recursos pesqueiros”.
Neste sentido, Rodas indicou que “non fai mellor xestión quen máis pesca, senón quen con menos capturas é capaz de xerar maior riqueza e benestar nas comunidades costeiras. A frota do cerco galega, é un bo exemplo”, concluíu.
Gabinete de Comunicación do BNG