Skip to main content
A | B | C | D | E | F | G | I | L | M | N | O | P | Q | R | S | T | V | X | Z

Manuel Baltar explicou no seminario sobre Transformación Dixital as innovacións da Deputación de Ourense no ámbito de “Provincia Intelixente”

O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, clausurou en Santiago o seminario sobre “Transformación dixital das administracións públicas en Galicia”, un foro de debate no que se analizou a xestión e transformación que están a experimentar as administracións na era dixital e se puxeron sobre a mesa as solucións innovadoras e novas tendencias que se están aplicando para facer máis achegada e doada a relación cidadán-administración.

Neste sentido, Manuel Baltar foi convidado para expoñer na clausura do evento as iniciativas pioneiras que situaron ao goberno provincial de Ourense na vangarda das solucións innovadoras aplicada á xestión administrativa en Galicia e en España e que a Deputación de Ourense ven desenvolvendo no marco do concepto de “Provincia intelixente”, impulsado polo propio Manuel Baltar.

O presidente da Deputación de Ourense dixo que a administración do século XXI “ten que ser electrónica porque senón non será administración” e remarcou que os servizos públicos tradicionais “deben mudar en favor da imediatez, da celeridade e da sinxeleza a prol dos cidadáns, para que cada persoa leve no peto, no seu dispositivo móbil, a posibilidade de facer calquera tipo de xestión administrativa”. Neste sentido, Baltar falou da “fusión de servizos” “o que significa que traballamos en favor dese modelo de “Provincia Intelixente”, e un bo exemplo diso é o Plan “Conecta Ourense”, unha estratexia de desenvolvemento urbano sostible que fixa a súa zona de intervención nos municipios de Ourense e nos do seu espazo metropolitano”.

Manuel Baltar dixo que a dixitalización das administracións ten moito que ver coa participación cidadá, coa rendición de contas e coa transparencia, “ámbito este no que tamén o goberno provincial de Ourense é unha referencia e estamos á vangarda". Así, o titular da institución ourensá enumerou as novidades incorporadas recentemente na administración provincial de Ourense entre as que citou a retransmisión en directo dos plenos; das comisións informativas; do sorteo dos membros dos tribunais das probas de acceso ao emprego público; das aperturas de plicas das mesas de contratación; da “vídeo-acta” e da posta en marcha da primeira plataforma provincial de participación cidadá, que figura no Plan de xestión e estratexia operativa da Deputación, Ourense 15-19.

“Somos unha administración-esponxa –dixo Manuel Baltar-, aberta a calquera cambio e a compartir toda a información cos cidadáns, agás os límites legais que procedan. A administración electrónica é un camiño irrenunciable e neste sentido a Deputación de Ourense ven de poñer en marcha xunto coas deputacións de Zaragoza, Castellón e Girona o primeiro Foro interprovincial de innovación, un ente que ten como obxectivo manter unha canle continua para favorecer a transferencia de experiencias e coñecemento entre persoas e institucións a prol da modernización dos servizos que prestan os gobernos locais intermedios”.

O seminario, que tivo lugar no Salón de Actos do edificio ABANCA Obra Social en Santiago de Compostela, contou tamén coa presenza de Mar Pereira, directora da Axencia para a modernización tecnolóxica de Galicia, e con expertos en informática, comunicación, xestión tributaria e económica que desenvolveron relatorios sobre innovación aplicada ás administracións públicas en Galicia.
Gabinete de Comunicación da Deputación Provincial de Ourense