Teatro do Noroeste estrea na Coruña a obra de Eduardo Alonso: Palabras malditas

O director da Agadic, Jacobo Sutil, asistirá á estrea que se celebrará mañá ás 20.30 horas. O sábado á mesma hora terá lugar unha segunda representación, inserida na programación que o teatro coruñés desenvolve como integrante da Rede Galega de Teatros e Auditorios, o circuíto de distribución de espectáculos promovido pola Agadic en colaboración con preto de 40 entidades e concellos de toda Galicia.
Temporada en Madrid
Teatro do Noroeste sitúase con este espectáculo entre as compañías máis programadas durante o primeiro semestre de 2016 neste circuíto, no marco do que levará a cabo 11 representacións de ‘Palabras malditas’. Ademais, a compañía viaxará a Madrid coa versión en castelá desta montaxe, que poderá verse no Teatro Español do 5 ao 22 de maio.
Miguel Ínsua, Sara Casasnovas e Luma Gómez compoñen o trío interpretativo desta produción, realizada a partir da obra pola que Eduardo Alonso conseguiu un accésit do Premio Lope de Vega 2014. A peza xira arredor da historia compartida nos anos corenta por dous seres marxinados, un represaliado profesor especialista en poesía francesa e unha prostituta, que coinciden nunha sórdida pensión da Coruña. A pesar das aparentes diferenzas que os separan, ambos aférranse o un ao outro como táboa de salvación fronte á soidade. Desde xeito, formarán un tándem inspirador na procura da felicidade.
No equipo de Teatro do Noroeste figuran tamén Fernando Alonso na composición musical, Paco Conesa no deseño da escenografía e vestiario e Eva Alonso na produción.
As entradas para as dúas funcións de ‘Palabras malditas’ na Coruña poden adquirirse a través das canles habituais para a venda de billetes do Teatro Rosalía Castro: na billeteira central da praza de Ourense, aberta de luns a venres de 9.30 a 13.00 horas e de 16.30 a 19.30 horas, no teléfono 902 044 226 ou na web de Ticketea, ademais de no propio teatro os días de representación.
Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia