Skip to main content
A | B | C | D | E | F | G | I | L | M | N | O | P | Q | R | S | T | V | X | Z

AGE recorrerá a concesión da prórroga de permanencia de ENCE na ría de Pontevedra por 60 anos

A resolución do Ministerio de Agricultura e Medio Ambiente de concesión dunha prórroga por 60 anos para a permanencia de ENCE na Ría de Pontevedra, cun goberno en funcións é “unha cacicada que deixa ao descuberto unha vez máis que o PP está a traballar para os intereses da empresa pasteira” como denunciou o vicevoceiro de Alternativa Galega de Esquerda, Antón Sánchez.

Supón a confirmación do camiño planificado e iniciado dende a reforma da Lei de Protección do Litoral en 2013, na aprobación do Regulamento e do informe ambiental positivo da Xunta de Galicia, feitos á medida para a permanencia de ENCE na Ría.

Dende AGE xa advertimos no seu día de que o PP, ante o risco dun cambio de Goberno no Estado, forzaría os tempos para deixarlle resolto o expediente a ENCE. “As portas xiratorias do PP con ENCE son de sobra coñecidas e mostran a sensación de impunidade que parecen sentir os dirixentes populares” denunciou Sánchez.

Confirmase así que Nuñez Feijoo incumpre a súa palabra e mesmo os instrumentos de ordenación como as DOT e o POL asinados mediante decreto por el mesmo. “O PPdG pretende abandonar o camiño de Galiza cara un desenvolvemento sostible e equilibrado, apostando claramente pola volta ao pasado e polos beneficios empresariais” declarou o vicevoceiro de AGE.
O grupo parlamentar de AGE recorrerá por vía administrativa esta decisión e que presentará no Parlamento galego unha iniciativa instando ao goberno do Estado a que proceda á revisión de dita resolución e a deixala sen efecto. Lembra ademais que aínda quedan pendentes recursos no eido xudicial e afirma que seguirá apoiando a loita social contra a permanencia de ENCE na Ría de Pontevedra.
Gabinete de Comunicación de AGE