Un cartel de Roberto Vázquez Araújo, imaxe do Entroido 2016 en Ourense
![](http://www.galiciadigital.com/images/notas/fotos/entroido_2016_cartel.jpg)
O xurado destacou o contexto artístico e a composición da obra, así coma a gama cromática, especialmente rechamante e atrevida relacionada coa festividade do entroido. Igualmente, quixo salientar a afinidade coa troula e coas actividades propias das datas nas que os ourensáns se botan á rúa. Chama poderosamente a atención, en opinión do xurado, a espontaneidade e a expresividade dos diferentes rostros que conforman a comparsa. Roberto Vázquez ten tras de si unha carreira de máis de 20 anos no mundo do deseño.
A concelleira de Cultura, Belén Iglesias, quixo facer constancia “da alta participación e da calidade de todas as propostas recollidas”. O cartel, que será a imaxe do Entroido 2016, está dotado cun premio económico de 1.200 euros.
Cea de Entroido
Á espera de coñecer máis detalles da programación das actividades do Entroido, o Concello de Ourense recupera este ano a tradicional cea popular de comezo das festas. Será o vindeiro 5 de febreiro ás 22:00 horas, logo do pregón, nunha carpa que se instalará na Alameda.
As entradas xa están á venda no Bodegón da Avenida de Marín (988.375.234) por un prezo de 15 euros. Empanada, cocido, sobremesa, bebida, café e licores conformarán o menú da noite.
Gabinete de Comunicación do Concello de Ourense