Skip to main content
A | B | C | D | E | F | G | I | L | M | N | O | P | Q | R | S | T | V | X | Z

Manuel Rodríguez López, 25 anos despois

Un cuarto de século despois, o escritor da nome á Casa da Cultura de Paradela (Lugo) e ao certame literario do Concello paradelense, que celebrou xa a súa vixésima edición, e é protagonista do PROXECTO de difusión da súa persoa e obra emprendido por Galicia Digital e a súa familia, co apoio do Concello de Paradela, Xunta de Galicia (Secretarías Xerais de Política Lingüística e Cultura), Vicepresidencia da Deputación Provincial de Lugo, Concello de Lugo e Real Academia Galega.

Dentro deste proxecto inclúese este ESPECIAL 25 ANOS, no que diversos escritores lembran a Manuel Rodríguez López, e que ven de publicarse en Internet (www.manuelrodriguezlopez.org), prevéndose tamén a súa publicación en libro. Trátase dunha publicación aberta, na que se incluirán outras colaboracións comprometidas que aínda non se recibiron.

Este especial está composto por poemas e narracións, tanto de escritores que foron premiados nas diversas edicións do anual certame do Concello de Paradela, como de escritores consagrados, entre os que figuran os secretarios Xerais de Política Lingüística (Valentín García) e de Cultura (Anxo Lorenzo), así como Xesús Alonso Montero, actual Presidente da Real Academia Galega, amigo do escritor, que mantén coa súa familia unha especial relación e colabora decididamente nas actividades do Proxecto Manuel Rodríguez López.

Singulares son as aportacións gráficas de Álvaro de la Vega e Siro. Álvaro de la Vega, artista escultor do mesmo concello que o homenaxeado, proporcionounos un orixinal retrato do escritor e Siro López Lorenzo (Siro), o xenial caricaturista galego, unha peza mestra da súa arte.

Galicia Digital agradece a todos a súa participación, e hónrase en publicar esta especial lembranza dentro da web www.manuelrodriguezlopez.org, como homenaxe ao escritor e amigo ao cumprirse o cuarto de século do seu pasamento.

Pode accederse directamente a este ESPECIAL en:
http://manuelrodriguezlopez.org/page/25-aniversario-do-pasamento-de-manuel-rodriguez-lopez
GaliciaDigital