Skip to main content
A | B | C | D | E | F | G | I | L | M | N | O | P | Q | R | S | T | V | X | Z

Política Lingüística da Xunta lembra que o 8 de febreiro remata o prazo de inscrición nas probas de lingua galega

A Secretaría Xeral de Política Lingüística lembra que o prazo de inscrición para as probas Celga convocadas para o mes de abril está aberto ata o luns 8 de febreiro. As probas celebraranse nas fins de semana do 2 e 3 de abril (Celga 4 e Celga 2, respectivamente) e do 9 e 10 do mesmo mes (Celga 3 e Celga 1, respectivamente), en Santiago de Compostela e Ponferrada (León), dado o especial interese da promoción do uso do galego nos territorios galegofalantes do Bierzo e Sanabria. No seu momento, e canda a publicación das listaxes definitivas de admitidos, comunicaranse os lugares concretos onde terán lugar estas probas.

Canto á vía de inscrición, elixiuse como preferente a sede electrónica da Xunta de Galicia: https://sede.xunta.es (e buscando o procedemento ED114A). De xeito alternativo, tamén pode facerse por rexistro ou no resto de lugares establecidos pola Lei de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

As taxas pertinentes pódense abonar no web da Axencia Tributaria de Galicia: www.atriga.es ou obtendo o impreso en calquera rexistro ou oficina de atención ao cidadán da Xunta de Galicia.

A convocatoria completa pódese consultar no Diario Oficial de Galicia do 7 de xaneiro e no Portal da Lingua Galega www.lingua.gal.

Novidades na convocatoria deste ano

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria reorganiza con esta convocatoria, que será a primeira de 2016, a loxística pola que se vén desenvolvendo no sistema de acreditación do Celga desde a súa implantación no ano 2007. Nas probas hase contar con profesorado que, desde o ano pasado, forma parte do persoal propio da Xunta de Galicia.

Tamén se coordina o desenvolvemento de cursos e probas Celga, para o que se establece un cronograma anual conxunto que contempla a celebración dos exames inmediatamente con posterioridade á realización dos cursos preparatorios.

O sistema Celga

O Celga é o certificado en lingua galega que expide a Secretaría Xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia e que acredita o coñecemento da lingua en cinco niveis: Celga 1, Celga 2, Celga 3, Celga 4 e Celga 5. Trátase dun modelo de aprendizaxe, ensino e avaliación de lingua galega adaptado ao Marco europeo común de referencia para as linguas definido polo Consello de Europa, no que se describen os coñecementos e habilidades que se contemplan en diferentes niveis para que a comunicación sexa eficaz.

O sistema Celga proporciona unha base común para a elaboración de programas de linguas, orientacións curriculares, exames, manuais, etc. en toda Europa e configúrase en distintos niveis de coñecemento. Para isto, recolle as habilidades que reflicten a competencia comunicativa nas distintas destrezas e agrupa os contidos en lingua e comunicación (aqueles aspectos relacionados coas funcións comunicativas) e lingua e sistema (os vinculados co coñecemento do código e contidos socioculturais).

Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia