Skip to main content
A | B | C | D | E | F | G | I | L | M | N | O | P | Q | R | S | T | V | X | Z

O Ouro de Ourense, un percorrido pola literatura a historia e as imaxes históricas da capital ourensá

En O Ouro de Ourense, Bieito Iglesias fai unha aproximación á cidade de Ourense que ensarilla a historia, a literatura, a anécdota, a arquitectura e a arte, dende o punto de vista persoal, onde o coñecemento das sucesivas transformacións da cidade axudan ao lector a un percorrido engaiolante, con ritmo e humor, e con datos e un coñecemento exhaustivo da capital ourensá e de moitas das personaxes e figuras que foron construíndo a súa rexa personalidade.

Manuel Baltar dixo na presentación que este libro “rende homenaxe a un pobo traballador, creativo e emigrante, como é o ourensán”, e subliñou o labor investigador, creativo e literario do autor, un dos persoeiros referentes na nosa literatura: Bieito Iglesias”. Asemade, o presidente do goberno provincial engadiu que este libro “é como Ourense: próximo e sincero”. Baltar, quen agradeceu o labor levado a cabo para facer realidade este proxecto, destacou “o gran traballo que hai detrás desta obra literaria para completar ese Ourense ao que todos aspiramos”.

Esta obra de Engaiolarte Edicións mestura literatura e fotografía da man do fotógrafo ourensá Xulio Gil, que conta cunha traxectoria artística moi importante e que foi premio da Crítica de Artes Visuais e Plásticas 2013.

Bieito Iglesias, un dos escritores galegos contemporáneos máis relevantes, con este libro consolida unha idea, debatida en moitas ocasións, sobre a singularidade da cidade literaria de Blanco Amor, Vicente Risco, Carlos Casares ou Otero Pedraio, entre outras moitas figuras que nuclearon a acción da súa obra literaria na vella capital das Burgas.

Do múltiple material gráfico para a elaboración do libro, escólmase unha selección de fotografías coa que se elaborará unha exposición e un tríptico con apuntes literarios de Bieito Iglesias, en galego e con tradución ao castelán e o inglés.


Gabinete de Comunicación da Deputación Provincial de Ourense