Jorquera critica que un Goberno en funcións prorrogue a licenza de Ence 60 anos
![](http://www.galiciadigital.com/images/notas/fotos/ence_2.jpg)
Francisco Jorquera pediu explicacións ao presidente sobre o convenio asinado pola Xunta que rebaixa ata un 60% a taxa que paga ENCE por usar o Porto de Ribadeo e afirmou que para facerlle un favor a ENCE, con este convenio, “perdemos medio millón de euros ao ano”.
O convenio, abondou, xustificarono para non perder tráfico de mercadorías pero resulta que nin sequera o condicionan a que se manteña. “Movimientos necesarios hasta la implantación operativa del proyecto que ENCE ha acordado con FEVE y el puerto de Gijón para el trasporte por ferrocarril con origen o destino en nuestra factoría de Navia”,isto é o que figura no convenio, dixo o nacionalista, un convenio feito por ENCE e que a Xunta limitouse a asinar. “Asinar o que lle ditan os Lobbies e as multinacionais”
A prorroga de ENCE, insistiu o deputado é todo un exemplo de para quen gobernan, “aos mariñeiros do cerco coas portas no nariz e a ENCE, portas xiratorias”.
Vostede, dixo Jorquera, “non pode dar a calada por resposta” e supeditar o interese xeral aos dun consello de administración no que están colocados Isabel Tocino, Carlos del Álamo e “outros amigos”.
Tras a resposta do presidente da Xunta xustificando a prorroga advertindo da perda de postos de traballo no caso de non concedela, Jorquera pediu a Núñez Feijóo que non siga utilizando o “emprego como coartada” xa que ENCE é o sector nº 20 na xeración de emprego en Pontevedra, “ENCE, destrúe máis emprego do que crea” recalcou.
O alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, acompañado da concelleira Carme da Silva e do representante do Movemento veciñal, Juan Loureiro asistiu ao debate da pregunta de Francisco Jorquera ao presidente Feijóo. Tras o debate, a preguntas dos xornalistas, Lores manifestou que os galegos “regalamos ao ano cinco millóns de euros en auga a ENCE”.
Sobre o convenio da Xunta para rebaixar as taxas de ENCE no porto de Ribadeo, Fernández Lores afirmou que ENCE mantén “un fío directo co Partido popular e coas cloacas do estado”. ENCE, recalcou está en Pontevedra restando rendabilidade económica.
Lores acusou ao Partido popular de “servilismo ao poder económico” e agora volve a condenarnos á contaminación 60 anos máis “cheirando un fedor horrible”. Sobre os empregos que crea ENCE, o alcalde de Pontevedra afirmou que é “unha porcentaxe mínima” fronte o que destrúe noutros sectores produtivos.
Gabinete de Comunicación do BNG