As bases do BNG pechan o debate con 221 emendas ao relatorio do Consello Nacional

Militantes e simpatizantes tamén expresaron as súas propostas para a conformación dos órganos de dirección, facilitando un total de 146 nomes dos que sairá o portavoz ou a portavoz nacional, e os restantes 49 integrantes do Consello Nacional elixibles no conclave do 28 de febreiro. De aí sairá unha proposta de candidatura na reunión deste sábado, tendo en conta ademais a paridade de xénero e o equilibrio territorial e sectorial.
En todo caso, o prazo de presentación de candidaturas conclúe o martes 25 de febreiro. Subliñar, ademais, que por primeira vez a militancia na emigración poderá votar de xeito telematico tanto as teses políticas como as candidaturas aos órganos de dirección.
O Consello Nacional do sábado ditaminará e ordenará toda a documentación oficial final, que será remitida de novo á militancia de cara ao debate e votación na cita do 28 de febreiro no Palexco na Coruña, que se celebra baixo o lema Autoorganización, autogoberno, autodeterminación. Esa documentación estará integrada polo relatorio político oficial, -modificado se fose o caso coa incorporación de emendas-, polas emendas chegadas das comarcas que non logren ser incluídas ou transacionadas, e polos votos particulares presentados por membros do Consello Nacional.
Gabinete de Comunicación do BNG