Skip to main content
A | B | C | D | E | F | G | I | L | M | N | O | P | Q | R | S | T | V | X | Z

Preséntase a oferta semestral no Auditorio de Ourense, logo de bater rexistros de asistencia en 2015

O Auditorio Municipal vén de presentar a oferta cultural para o primeiro semestre de ano, “produtos atractivos culturalmente e outros abertos aos proxectos desenvolvidos pola cidadanía de Ourense para exercer de plataforma de proxección e coñecemento de todos eles”, en palabras da Concelleira de Cultura, Belén Iglesias, na presentación do calendario en rolda de prensa. A idea dos programadores municipais para 2016 é a de seguir crecendo en número de asistentes: se en 2015 pasaron 104.042 persoas polas 494 actividades que se organizaron, cifra récord e un incremento dun 26,5% respecto do ano anterior, 2016 quere consolidar o Auditorio coma “o espazo referente da cultura na provincia e na cidade”, dixo.

Un dos eixes básicos da axenda para 2016 no Auditorio volve ser a programación infantil: “A cita dos domingo ás 12 h é un éxito de convocatoria, e xa hai meses ampliamos a oferta coa introdución do teatro para bebés, os primeiros venres de cada mes”, afirmaba a concelleira. Neste sentido, habilitouse unha sala específica para as actividades dirixidas a cativos de 0 a 3 anos, e ideouse un novidoso sistema de bonos para fidelizar o público. “As entradas oscilan entre os 3 e os 5 euros, pero cun bono de 5 aforras o prezo dunha sesión”, explicaba Manuel Freire, programador do espazo cultural.

O Auditorio acolle, precisamente, dúas funcións dirixidas ao público máis pequeno: 'Todo me fala de ti', o concerto de Uxía e Magín Blanco dentro do programa FalaRedes (o sábado ás 12h na sala azul, entrada de balde até completar aforo), e o espectáculo '25 anos de Tolemaxias', un percorrido pola carreira do mago Teto (domingo, 12h, sala azul, entradas en www.ataquilla.com e dúas horas antes da función na billeteira).

A programación xeral, pola súa banda, pretende abarcar un abano diverso no que haberá obras de primeira orde coma 'Los 10 negritos', de Ágatha Christie, música, con Rozalen ou a ópera rock, e outras manifestacións artísticas como danza ou monólogos. “Actualmente”, dixo Manuel Freire, “non hai en Galicia espazo cultural que nos poida igualar”.
Gabinete de Comunicación do Concello de Ourense