Skip to main content
A | B | C | D | E | F | G | I | L | M | N | O | P | Q | R | S | T | V | X | Z

TodoCosmos achega a astronomía a públicos de Galicia de todas as idades

Os principais detalles do proxecto presentáronnos o director da iniciativa e do Observatorio Astronómico da USC, José Ángel Docobo, e o vicerreitor de Comunicación, Xosé Pereira, xunto a quen tamén estivo presente unha representación dos concellos participantes. No desenvolvemento do programa de actividades colaborará un ano máis Óptica Val.

Allariz, Ames, Boqueixón, Lalín, Noia, Ordes, Oroso, Padrón, Rianxo, Ribadeo, Santiago, Sanxenxo, Teo, Vedra e Vila de Cruces, son os concellos participantes este ano na proposta do Observatorio da USC, aos que sumarán actividades puntuais noutras localidades como a sesión de observación celebrada recentemente en Melide. En todas estas localizacións haberá unha programación continua, condicionada polas condicións climatolóxicas, con sesións de observacións, visitas, charlas e seminarios para todos os públicos e lugares.

A experiencia acumulada nas dúas anteriores edicións, propiciou o acceso de público de todas as idades á astronomía a través dun abano de actividades coordinada polo Observatorio de Astronomía Ramón María Aller da USC. En 2015, ademais de visitas de centros escolares ás instalacións astronómicas da USC, programáronse sesións de observación, visitas guiadas nocturnas, sesións de observación de fenómenos concretos, obradoiros de telescopios ou conferencia de iniciación á astronomía.

Converter a astronomía nunha cuestión ao alcance de todos os públicos. Así define o seu obxectivo principal o proxecto de divulgación astronómica da USC TodoCosmos (A Astronomía ao alcance de todos: colaboración Universidade-Concello-Organismos Públicos e Empresas) que por terceiro ano percorrerá Galicia co financiamento da Fundación Española para a Ciencia e a Tecnoloxía (FECYT). Nesta edición, a iniciativa contará co respaldo dun total de quince concellos de toda Galicia, tres máis que en 2015.
Gabinete de Comunicación da Universidade de Santiago de Compostela (USC)