Skip to main content
A | B | C | D | E | F | G | I | L | M | N | O | P | Q | R | S | T | V | X | Z

A Área de Cultura celebrou o Día de Rosalía coa reedición da mostra Imaxinando Cantares Gallegos

Na presentación participaron o Delegado de Cultura da Deputación de Lugo, Xosé Ferreiro, e Noemí López, ilustradora de Lugo, en representación das ilustradoras e ilustradores participantes na mostra. Así mesmo, a presentación da exposición contou co acompañamento musical do coro lucense Solo Voces.
A mostra “Imaxinando Cantares Gallegos”, reeditada con motivo da celebración do 24 de febreiro, Día de Rosalía, foi elaborada desde o Centro de Artesanía e Deseño hai tres anos para conmemorar o 150 aniversario da publicación de Cantares Gallegos, a través dunha convocatoria a artistas galegas e galegos para que ilustraran e encheran de cores este poemario e renderlle así unha sentida homenaxe á obra de Rosalía.
Tal e como explicou Ferreiro “diferentes disciplinas e técnicas foron empregadas para a realización destas obras: gravados, oleos, acuarelas etc. Todas tiveron cabida para que cada artista reflectise o sentimento que lle producía o poema para ilustrar, obtendo asi 33 ilustracións, as mesmas que os poemas que compoñen a primeira edición do libro Cantares Gallegos. E este é o resultado: unha nova maneira de achegarnos a obra de Rosalía a través dos pinceis” dixo.
A mostra estará visitalble na Capela de Santa María ata o 18 de marzo. Haberá tamén, dentro da programación especial “Rosalía sempre viva” lanzada pola Área de Cultura da Deputación de Lugo dous obradoiros infantís baixo o nome de “Ilustrando a Rosalía” que terán lugar o sábado 5 e 12 de marzo. Para a inscrición e ter máis información hai que dirixirse ao CENTRAD.

As e os artistas participantes son os seguintes:

Helena Karenina, Alberto García Ariza, Carmen González Pintos, Xosé Cobas, Eduardo Baamonde, Isabel Somoza Garcia, Almudena Aparicio Andino, Antonio Mourín Álvarez, Shara Martinez, Alejandro Sánchez Núñez, Quico, Laura Ferreiro Adrio, Noemí López Vázquez, Xosé Poldras, Jaime Asensi, Xavier de Sousa, Alba Nimbos, Alejandro Viñuela Agra (Jano), Carlos Arrojo Naya, Sergio Coven Moreira, Sara Seijas, Aurora López, Jara Rodríguez, Roberto Losada Vázquez, Eduardo Fernandez, Fonso Castro, Ana Somoza e Luz Darriba.
Gabinete de Comunicación da Deputación Provincial de Lugo