Skip to main content
A | B | C | D | E | F | G | I | L | M | N | O | P | Q | R | S | T | V | X | Z

Guillermo de la Dehesa: A solución dada á crise dos asteleiros de Izar é racional

[FOTO1]Guillermo de la Dehesa cualificou hoxe de “racional” a solución dada á crise dos asteleiros de Izar, agora Navalia. “É bastante lóxica a división entre a construción militar e civil, e se fixo unha grande operación política de conseguir pedidos de paises amigos. O que non se pode é pechar instalacións, nun momento da economía mundial na que hai unha enorme demanda de petróleo e de materias primas, á que a oferta non da abasto, pero aínda da menos abasto o transporte. Faltan petroleiros, metaneiros, bulkarriers, incluso transatlánticos para viaxes de ocio, e nin Corea, nin Taiwan nin Thailandia que son os que controlan este negocio, logran atender a esa demanda”, sinalou De la Dehesa. “Esta é unha ocasión única para aproveitarse dese momento de forte demanda, é unha cuestión de capacidade instalada de construción”, sinalou o director do Instituto de Estudios Económicos de Galicia da Fundación Barrié de la Maza, que sen embargo recoñeceu “non ter datos para analizar a incidencia desta reconversión na comarca de Ferrol”.

Guillermo de la Dehesa, que participou nun almorzo organizado polo Colexio de Xornalistas, sinalou, na conferencia de prensa posterior ó almorzo cos xornalistas, que os recentes acordos de liberalización dos productos textis, que ocasionan deslocalizacións e perda de postos de traballo, eran un paso necesario. “Os países pobres só poden exportar produtos agrícolas e manufacturados que necesitan moita man de obra, e os países ricos gravan esas importacións. En Europa pagamos o dobre do prezo internacional dos alimentos, o que afecta ás familias europeas máis desfavorecidas, que son as que gastan proporcionalmente máis en comida, e ás dos países menos desenrolados, que non poden colocar as súas producións. Estados Unidos cobráballe tanto ás importacións textis procedentes de Bangladesh como a todas as importacións da UE. Era unha situación inxusta que se tiña que rematar, e as empresas europeas tiveron moitisimo tempo para buscar solucións”.

O antigo conselleiro delegado do Banco Pastor forma parte do consello asesor do Grupo de Madrid, que organizou días pasados o cumio sobre terrorismo na capital española, e no que el coordinou a comisión sobre financiamento do terrorismo. “Hai que facer unha forte presión contra os paraísos fiscais e contra aqueles países nos que existe o segredo bancario. Neste campo e nos demais, a principal arma contra o terror son a intelixencia e a información, non os tanques, os misís e os exércitos, e dende logo hai que loitar respectando os dereitos humanos, porque senón, seremos iguais que os terroristas”. De la Dehesa apuntou que as conclusións do cumio de Madrid apuntan tamén a que “hai que coñecer e estudiar as causas do terrorismo, as culturais, ideolóxicas e relixiosas. A primeira conclusión é que o caldo de cultivo do terrorismo é a xente que se sinte humillada, non os pobres. Os pobres só morren, nin sequera emigran porque os que o fan son os que teñen medios para pagar ás mafias que os poden traer a Europa. E tamén está claro que os sistemas de captación de activistas baséanse en proporcionais beneficios, asistencia sanitaria ou axuda familiar naquelas sociedades que carecen de redes asistenciais. A radicalización ideolóxica ou relixiosa ven despois”. De la Dehesa terciou tamén na polémica sobre a ausencia do ex presidente español, José María Aznar, matizando que “moitos ex xefes de Estado, e todos os ex presidentes españois, forman parte do Grupo de Madrid, e polo tanto estaban invitados de facto. Moitos desculparon a súa asistencia, como Clinton, que está pendente dunha operación de corazón, e outros non o consideraron necesario”.

Os Almorzos on/off do Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia organízanse a través da demarcación da Coruña. Estes encontros abríronse o pasado día 22 de febreiro coa presenza do Fiscal Xefe do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, Carlos Varela. O ciclo conta coa colaboración da Fundación Luís Seoane e continuará en vindeiras semanas coa presenza de diversos convidados que se irán anunciando en posteriores convocatorias e a través da páxina web do CPXG.

O CPXG, entidade de dereito público creada pola lei 2/1999 do Parlamento de Galicia, suma máis 1.100 colexiados repartidos entre as sete demarcacións coas que conta. Entre os seus obxectivos do Colexio figura en lugar destacado afondar na mellora das condicións nas que os xornalistas levan a cabo o seu traballo, a defensa profesional dos seus membros e a garantía de independencia e liberdade informativa en beneficio da sociedade galega.
Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia