Skip to main content
A | B | C | D | E | F | G | I | L | M | N | O | P | Q | R | S | T | V | X | Z

Podemos Galicia terá novos órganos de dirección o 12 de abril

Podemos Galicia comeza o proceso para a elección dos seus órganos internos autonómicos. Todas as persoas inscritas no partido en Galicia están chamadas a elixir entre o 15 de marzo e o 10 de abril unha persoa para a Secretaría xeral, 34 membros do Consello Cidadán e 6 da Comisión de Garantías Democráticas. Os resultados do proceso serán proclamados o día 12 de abril, segundo o establecido no Regulamento que vén de facer público o Equipo Técnico.

A primeira fase será a de concesión de avais ás candidaturas aos diferentes órganos, que transcorrerá entre o 15 e o 28 de marzo, tanto a candidaturas individuais como listas. O dereito a avalar corresponde aos Círculos e aos órganos internos de Podemos en Galicia. Os avais só poderán ser denegados en caso de incumprimento dos principios éticos, de que unha lista non garanta que polo menos un 10% dos membros teñan participado dalgún xeito nalgún Círculo da Comunidade Autónoma, de que un candidato ou candidata individual non acredite tamén unha participación anterior, ou que os documentos presentados sexan contraditorios cos aprobados pola Asemblea Cidadá Sí Se Puede.

A continuación procederase á inscrición de candidaturas entre o 28 e o 30 de marzo. As persoas e listas que queiran participar deberán realizar este trámite a través dos espazos telemáticos habilitados por Podemos. Na inscrición deberán ser consignados os datos persoais requiridos e, no caso das candidaturas á Secretaría Xeral, deberá incluírse ademais un documento político-organizativo. As listas deberán ser presentadas en cremalleira de xénero e ter unha composición paritaria.

O proceso, tras un periodo de subsanación de incidencias técnicas, continuará coa campaña electoral das candidaturas entre o 4 e o 10 de abril. Nos dous últimos días da campaña, estarán abertas as votacións por vía telemática, entre o 8 e o 10 de abril, e a proclamación das candidaturas elixidas será o 12 de abril.

Os Círculos e os órganos internos deberán manter a súa neutralidade. Teñen a responsabilidade de ser canalizadores deste proceso e, polo tanto, deben ser neutrais tanto nas súas actividades como nas súas contas de redes sociais. O seu cometido é promocionar o proceso constituínte. Isto implica que dende as contas oficiais (redes sociais, correo electrónico, etc.) non se poderá facer difusión de candidaturas concretas, senón soamente do proceso no seu conxunto.

O Consello Cidadán Estatal velará pola concordancia do proceso cos Principios Políticos e Organizativos e os estatutos de Podemos. A Comisión do Consello Cidadán para os Procesos de Primarias Internas Territoriais (adscrita á Secretaría de Organización) será o órgano encargado de garantir o correcto funcionamento do proceso e velar polo cumprimento do Regulamento, así como de resolver os conflitos que poidan xurdir en primeira instancia. A Comisión de Garantías Democráticas estatal velará pola súa concordancia co establecido no documento de Principios Éticos.
Manuel López (Prensa Podemos Galicia)