Medio Rural busca apoios en Madrid para o Plan de Fortalecemento do Lácteo
![](http://www.galiciadigital.com/images/notas/fotos/explotacion_ganadera_4.jpg)
“Ademais do sector, na reunión se inclúe á Universidade e a científicos porque debemos traballar dende distintos ámbitos a breve e longo prazo”, declarou Ángeles Vázquez, que pretende así buscar solucións xa de maneira inmediata de cara a primavera, un momento no que normalmente aumenta a produción de leite. A conselleira explicou que o primeiro será elaborar un cronograma de actuación e acordar os argumentos prioritarios que trasladar ao Ministeiro de Agricultura co fin de facelos chegar á Comisión Europea.
O grupo de traballo que se constituirá estará integrado por representantes da propia Xunta, industria, distribución, cooperativas, organizacións profesionais agrarias, o Laboratorio Interprofesional Galego de Análise do Leite (Ligal), o Centro Galego de Control Leiteiro (Cegacol), universidades e comunidade científica.
Ademais, aproveitando a súa presenza en Madrid, Ángeles Vázquez insistiu na necesidade de poñer a andar o Decreto de Cesión de Prezos e fixo balance dos avances acadados nas últimas semanas, como o feito de ter garantida a recollida do mesmo volume de leite que o ano pasado por parte das principais industrias que operan en Galicia.
A responsable de Medio Rural mostrouse convencida de que “o sector lácteo galego ten futuro” e para iso incide na aposta polos produtos transformados por parte das explotacións. Lembrou que este ano a orde de axudas para a transformación ascende a 14,3 millóns de euros, cofinanciada nun 75% polo Feader. Para as anualidades do 2017 e 2018, o orzamento previsto é de 7 e 3,7 millóns de euros, respectivamente.
O departamento que dirixe Ángeles Vázquez comezou a pór en marcha o Plan de Fortalecemento do Sector Lácteo o pasado 8 de febreiro, no marco do Consello Agrario Galego, cando presentou este plan aos integrantes deste órgano de participación, asesoramento, diálogo e consulta da Administración Galega. Agora consolidarase con este primeiro encontro entre todos os axentes implicados.
Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia