Deporte e Termalismo centran o VI Congreso Galego de Xestión Deportiva
![](http://www.galiciadigital.com/images/notas/fotos/congreso_gestion_deportiva_.jpg)
Rosendo Fernández destacou durante a presentación que referirse a “deporte e termalismo” “é falar dun binomio fulcral para a provincia de Ourense”, e engadiu: “Colaboramos con Agaxede na organización deste congreso con tres obxectivos básicos: consolidar o termalismo deportivo como un foco de creación de emprego en Ourense e en Galicia; debater sobre as novas expectativas e ámbitos de actuación do termalismo implicado no sistema deportivo, e para dar a coñecer a importancia social, económica e a implicación do termalismo no deporte, facendo un especial fincapé no espectacular abano de posibilidades que ofrece esta interesante simbiose”.
O presidente de Agaxede asegurou que hoxe en día ”a persoa que vai a un centro de termalismo, ademais de pasar duns días de ocio e de darse tratamentos, ten interiorizado ese hábito de práctica deportiva e vai a solicitar algunha outra actividade complementaria que están relacionadas coa ubicación do centro”.
O congreso desenvolverase o día 11 de marzo en xornada de tarde no balneario de Laias, e o día 12 de marzo en xornada de mañá no Centro Cultural “Marcos Valcárcel”, convertendo a Ourense na capital do “termalismo deportivo”. No desenvolvemento do congreso, tamén colaboran o Concello de Ourense e a Asociación Galega de Balnearios, entre outras entidades e institucións. Asemade no marco do congreso o venres, 11 de marzo, celebrarase a “Asemblea Xeral da Asociación Galega de Deporte para Todos”.
Eduardo Blanco recordou que non se trata do primeiro congreso que a asociación realiza en Ourense pero “entendíamos que se iamos a facer fronte a esta temática non podíamos facelo noutro lugar de Galicia que non fose Ourense, a pesar de que nos faltan outras cidades que visitar porque o congreso se realiza cada dous anos sen lugar a dúbida, se falamos de termalismo e deporte, Ourense é o lugar propio”.
Pola súa banda, Alberto Canal sinalou que “hai unha simbiose perfecta entre termalismo e deporte, nós vímolo demostrando ao longo dos dous últimos anos coa posta en marcha do Centro de Entrenamento de Alto Rendemento (CERLAC) de Laias, Arnoia e Castrelo de Miño”, e engadiu, “é un proxecto deportivo que situou a Ourense, e en concreto a Laias, no mapa mundial do deporte e co referente do termalismo detrás”.
A temática do congreso (Deporte e Termalismo) “é un tema innovador e estamos ante un nicho de nova actividade”, destacou Eduardo Blanco. Debido á especial temática do congreso vai dirixido a empresas de termalismo, empresas de turismo activo e turismo rural, clubes e federacións deportivas, empresas de servizos deportivos, persoal con responsabilidades directivas, profesionais de ciencias da actividade física e o deporte, fisioterapia, turismo e, en xeral, a calquera con interese no ámbito da xestión de centros termais e/ou deportivos do ámbito público ou privado.
Gabinete de Comunicación da Deputación Provincial de Ourense