Feijóo afirma que a Xunta seguirá apostando por Vigo e polo seu futuro
![](http://www.galiciadigital.com/images/notas/fotos/vigo_paseo_casco_vello.jpg)
Feijóo aseverou, así, que a Xunta seguirá apostando pola colaboración leal e a busca concertada de respostas que permitan alumear éxitos para os vigueses: “Como apostamos para poñer en marcha antes do verán a Área Metropolitana que contribuirá a mellorar os servizos e a atención aos cidadáns; como buscamos sen descanso a vía para materializar por fin a Cidade da Xustiza; como queremos avanzar xuntos para que o antes posible esta cidade teña a estacións intermodal que merece; como queremos colaborar para poder responder a todas e cada unha das familias de Vigo que teñen dificultades para exercer o seu dereito á vivenda; como conseguimos impulsar a maior depuradora do país, que garantirá a calidade das augas da ría por primeira vez e de forma completa; e como puxemos a disposición a maior infraestrutura sanitaria feita por un Goberno da Xunta e en plena recesión económica”.
No tocante ao Consorcio do Casco Vello, o presidente autonómico lembrou que hoxe máis de 40 edificios rehabilitados, case 100 vivendas recuperadas e ocupadas por familias e máis de 25 locais comerciais habilitados fan que o Casco Vello comece a ser de novo un espazo de dinamismo central nese gran latexo social, cultural e comercial que é a cidade olívica.
“Vemos, pois, na recuperación do núcleo histórico un exemplo da proverbial resistencia desta cidade contra toda forma de derrota. E vémolo tamén na forma”, dixo, incidindo en que o modo en que casas rehabilitadas combinan en harmonía un escrupuloso respecto pola tradición coa perspectiva arquitectónica máis contemporánea, mostran o entusiasmo co que se afronta esa valiosa tarefa de restitución da dignidade urbana.
Suma de forzas
Así mesmo, o responsable da Administración autonómica expresou o seu convencemento de que é sobre todo na unión de vontades que se agocha tras a posta en valor do Casco Vello, onde se evidencia que para superar con éxito os seus maiores desafíos, esta cidade escolleu sempre a suma de forzas. Non en van, a través do Consorcio Casco Vello de Vigo, “impulsamos ducias de actuacións e destinamos os recursos necesarios para acometelas: máis de 30 millóns de euros; sen dúbida, o maior investimento da historia da Xunta, feito nun casco vello”.
“E debemos seguir traballando, como faremos, coa recuperación de 30 novas vivendas e 11 locais comerciais”, avanzou.
Máis alá da dimensión institucional, Feijóo afirmou que a recuperación do Casco Vello de Vigo é unha obra colectiva porque foi a propia cidade, as persoas que a compoñen, as que se revelaron contra a súa perda, “e son elas as que agora, coa súa resposta, lle dan verdadeiro sentido ao traballo feito”.
“Falo dos veciños que ocupan as vivendas rehabilitadas; dos emprendedores que apostan polo núcleo histórico para poñer en marcha negocios que se distinguen pola vangarda e a calidade; falo do Colexio de Arquitectos de Galicia, que desde a delegación local traballa coa maior das implicacións para acadar que Vigo se enorgulleza outra vez do seu Casco Vello; ou da Universidade, que decidiu tamén ser parte deste proxecto e instalarse nos edificios cedidos polos Consorcio no Berbés”, dixo.
O titular da Xunta concluíu a súa intervención salientando que dez anos despois volve imperar a unidade.“Ese é, de novo, o camiño que permite superar a encrucillada e esquivar o bloqueo que a nova situación urbanística impuña aos grandes proxectos para o progreso desta cidade. Alá eles os que queiran permanecer á marxe e remar contra corrente”, abundou.
Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia