Skip to main content
A | B | C | D | E | F | G | I | L | M | N | O | P | Q | R | S | T | V | X | Z

O espectáculo Galadas conmemora o Día da Muller na Sala Capitol de Compostela

A concelleira de Igualdade, Desenvolvemento Económico e Turismo, Marta Lois, presentou esta mañá o espectáculo Galadas, que terá lugar este sábado 5 de marzo, ás 21:00 horas, na Sala Capitol, con motivo do Día Internacional da Muller. A concelleira destacou a importancia de desenvolver "novas políticas de xénero na comunidade e na propia cidadanía, con accións que non se quedan na conmemoración do propio 8 de marzo, senón nunha serie de actuacións que terán cabida durante todo o ano dentro de Compostela, territorio das mulleres e durante todo o mandato".

Trátase dunha acción multidisciplinar dirixida pola artista Mercedes Peón en colaboración con diferentes mulleres de diversas disciplinas artísticas: Janet Novás, Mónica de Nut, Lucía Aldao, Yolanda Castaño, Ana García e o broche final das tocadoras de Toutón. Un espectáculo apoiado na intervención sonora e visual mediante danza, video e performance. A entrada será de balde e poderá recollerse na billeteira do Teatro Principal ata mañá venres en horario de 18: a 21:00 horas e no portelo de entradas da Sala Capitol dende unha hora antes do comezo da acción.

Esta gala enmárcase dentro do programa Compostela, territorio das mulleres, que inclúe ata seis actividades organizadas pola Concellaría de Igualdade para conmemorar o 8 de marzo. A idea pasa por "mudar os espazos arquitectónicos da propia cidade para dar espazo a todo tipo de xéneros" en palabras da propia artista, Mercedes Peón. Este sábado, a Sala Capitol acollerá, polo tanto, un espectáculo onde se mesturará a poesía de Yolanda Castaño con temas propios da cantante Lucía Aldao ou a videocreación de Uqui Permui.

O Concello sumarase tamén á manifestación organizada para este domingo 6 de marzo con motivo do Día Internacional da Muller: "Feminismo para avanzar. xuntas nunha mesma loita", que sairá da estación do tren ás 12:00 horas.

Co obxectivo de impulsar a creación da marca Compostela, territorio das mulleres crearase un mapa que servirá para, por unha banda, poñer en valor lugares e espazos que teñen relevancia no relato histórico das mulleres da cidade e, por outra, apoiar e promover aos axentes sociais e económicos que fan unha aposta pola igualdade de oportunidades entre homes e mulleres en Compostela.

Comezarase por abrir o proceso ao sector da hostalería e o turismo de Compostela, para que valoren que contidos poderían incorporar, dende esta perspectiva, nas súas prácticas e espazos, compromisos que se farán públicos a través do mapa. Ao mesmo tempo, o mapa servirá para explorar unha dimensión turística orientada a facer de Compostela unha cidade women friendly, cuxo selo axudará na consolidación da capital galega como destino turístico.

A través desta iniciativa convidarase ás librarías e editoriais de Compostela a que se impliquen na promoción da igualdade de xénero. Concretamente, propónselles que destaquen nos seus escaparates, zonas visibles, tendas en liña, redes sociais e páxinas web, escolmas de libros escritos por mulleres e/ou de pensamento feminista. Trátase de poñer en valor a escritura de autoras -a través da poesía, a literatura, o teatro, o ensaio, a banda deseñada, etc- que fomenten os dereitos das mulleres, visibilicen a loita feminista e permitan ollar máis aló dos estereotipos sexistas. Está previsto o seu desenvolvemento do 1 ao 10 de marzo.

Antigamente, as mulleres carrexaban auga para achegala a determinados lugares. A intención é visitar algunhas das fontes máis emblemáticas da cidade e falar doutras que están noutros lugares, ou que xa non existen. Ao redor delas achegarémonos á historia das mulleres e do seu labor cotián. O paseo das fontes está previsto para o 13 de marzo.

O 17 de abril tamén se realizará un paseo por varios lavadoiros de Compostela, falando sobre os usos que lles daban as mulleres. Ámbolos dous paseos estarán guiados pola palabra de Encarna Otero.

Co obxectivo de mellorar a posición social das mulleres de Compostela que viven en contornas rurais, coa posta en marcha do Programa Vida Propia preténdese crear espazos de encontro que contribúan á autonomía das mulleres e ao desenvolvemento da súa plena cidadanía. Espazos para reflexionar sobre o seu papel na sociedade, as súas achegas, que sirvan para configurar a autoría da súa propia vida, desenvolvendo estratexias para aumentar a capacidade de decisión en diferentes ámbitos, crear novos espazos, xestionar os tempos e, en definitiva, valorar a vida propia.

O 8 de marzo abrirase o prazo de convocatoria do I Premio Xohana Torres de ensaio e creación audiovisual. Trátase da recuperación dun premio, interrompido en 2012, cuxos case 20 anos de vixencia o converteron nun símbolo da cidade.

Estase traballando para que todas estas dinámicas teñan un fío condutor a nivel visual e tamén a través dunha plataforma participativa dixital, cuxa implementación irá máis aló do mes de marzo para permitir recoller as suxestións e as opinións da cidadanía sobre o Mapa de Compostela. Na páxina web do Concello poderase consultar a información actualizada respecto de cada unha destas actuacións. Ademais, distribuirase material de difusión das mesmas en boa parte dos establecementos da cidade.
Gabinete de Comunicación do Concello de Santiago de Compostela