Skip to main content
A | B | C | D | E | F | G | I | L | M | N | O | P | Q | R | S | T | V | X | Z

A empresa galega Engasa presenta a Manuel Fraga os seus proxectos para este ano

O presidente da Xunta de Galicia, Manuel Fraga, reuniuse en San Caetano cos membros da Comisión Executiva da empresa Enerxía de Galicia (Engasa). Segundo manifestou Benito Fernández, presidente de Engasa, trala xuntanza, este grupo empresarial presentoulle ao máximo mandatario galego os seus proxectos para este ano. Entre eles, destacou especialmente o relativo ao parque eólico do Xiabre, nas localidades de Caldas, Catoira e Vilagarcía.
Segundo as previsións que manexa a empresa, estas instalacións poderían comezar a funcionar “a finais deste ano”, aínda que declarou que están “pendentes do estudo de impacto ambiental”. En concreto, apuntou que este novo parque eólico chegaría a producir un total de 90 millóns de quilovatios/hora ao ano, o que suporía prestar servizo a preto de 22.500 familias.
Benito Fernández tamén salientou que o do Xiabre sería o primeiro parque eólico no que os aeroxeradores estarían “tratados artisticamente”.

ENGASA

Engasa é, segundo explicou o seu máximo representante, unha empresa formada polos “históricos da electricidade en Galicia” e destacou que dúas das empresas que a integran son “centenarias”. Así mesmo, manifestou que un dos seus principais obxectivos é “consolidar un grupo 100% galego”, e que esperan conseguilo mediante a ampliación da súa presenza no campo eólico. “O grupo reverte todo o que gaña en Galicia”, declarou Fernández.
Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia