O cantautor Xosé Constenla regresa ao Salón Teatro con Virada por avante

No concerto deste sábado, Xosé Consenla acompañarase dunha banda de cinco músicos integrada por Fredi Marugán, quen é ademais o produtor e arranxista do novo álbum, ás guitarras; Javier Constenla, ao piano; Pablo Sanmamed, ao baixo; e Andrés Rivas, á batería.
Folk americano e canción de autor
Este quinto álbum do cantautor compostelán preséntase como o seu traballo máis maduro, persoal e sofisticado, no que se atopan claras influencias do folk-rock americano, desde James Taylor a Ray Lamontage, ao tempo que mantén o seu vínculo coa corrente iberoamericana de canción de autor como unha das dúas principais sinais de identidade.
Para a gravación de ‘Virada por avante’, editado por Setestrelo Editora, Constenla contou coa produción de Fredi Marugán e a masterización de Óscar Herrador, realizada nos Staterooms Studios de Madrid. Ambos profesionais contan cunha destacada traxectoria tanto dentro do panorama estatal como internacional, durante a que teñen traballado con artistas como Ismael Serrano, Miguel Ríos, Joan Manuel Serrat, Enrique Iglesias, Compay Segundo, Antonio Vega ou Pedro Guerra, entre outros.
‘A luz entre o desorde’ é o título do primeiro sinxelo do álbum e unha das súas composicións máis intimistas. O seu videoclip pode verse na canle de YouTube do artista, onde leva rexistradas xa máis de 3.100 visitas.
Venda de entradas
A venda anticipada de billetes para o concerto deste sábado en Compostela está xa dispoñible a través de entradas.abanca.com. As entradas tamén poderán adquirirse na billeteira do Salón Teatro, que abrirá ao público o día da actuación desde as 19.00 horas. O seu prezo é de 10 euros, con descontos para maiores de 65 anos, xubilados, persoas en situación de desemprego, estudantes, titulares do carné xove e determinados colectivos profesionais.
Ademais, os asistentes están convidados á festa posterior ao concerto que terá lugar no pub Albaroque de Santiago, previa confirmación a través do correo electrónico setestreloeditora@gmail.com.
Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia