O Festival Mondoñedo é Poesía pon en valor as voces literarias actuais e a tradición poética mindoniense
![](http://www.galiciadigital.com/images/notas/fotos/mondonedo_e_poesia.jpg)
Estes autores e autoras serán os protagonistas do recital poético na rúa que se desenvolve nas prazas da Catedral, do Concello e Jaime Cabot. A continuación, o auditorio Pascual Veiga será o escenario dun recital poético-musical en homenaxe ao poeta asturiano e bispo de Mondoñedo Manuel Fernández de Castro.
A programación desta terceira edición do festival foi presentada hoxe na Cidade da Cultura de Galicia polo secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo; pola alcaldesa de Mondoñedo, Elena Candia; polo presidente da Asociación As San Lucas, Miguel Souto; e por Antonio Reigosa, membro do colectivo Mondoñedo É. Estas dúas últimas entidades son as promotoras dun festival que conta un ano máis coa colaboración da Secretaría Xeral de Cultura e do Concello de Mondoñedo, e que se desenvolverá o primeiro día do mes das letras en diversas prazas e rúas do concello mindoniense, aínda que na véspera, o 30 de abril, xa comezarán algunhas das propostas.
Ese día, terá lugar a iniciativa ‘Debuxando Mondoñedo’, así como a ‘Expo-libro Mondoñedo’, que se prolongará ata o 1 de maio. Estas actividades paralelas completaranse coa exposición fotográfica ‘Mondoñedo sentimental. Vidas e paisaxes’ e cun ‘Tendal de poesía’, que amosará diversos traballos realizados por escolares.
Divulgación da poesía en galego
Mondoñedo é Poesía ten como principal finalidade achegar este xénero literario á rúa para a súa difusión entre todos os públicos, poñendo en valor o patrimonio literario mindoniense en particular e o galego en xeral. Partindo do legado literario de figuras como as de Álvaro Cunqueiro, de Leiras Pulpeiro, Díaz Jácome e moitos outros escritores nados en Mondoñedo ou que tivesen este concello como lugar de formación ou inspiración, o festival quere dar a coñecer novas figuras literarias que cultivan a poesía en galego a través de actividades dirixidas a todas as idades.
A Academia de la Llingua Asturiana, o IES San Rosendo, o CEIP Álvaro Cunqueiro e a Deputación de Lugo tamén apoian a terceira edición do festival.
Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia