A cultura clásica enche o Auditorio de Ourense co Festival Xuvenil de Teatro Grecolatino

A finalidade desta actividade é a de achegarlle, a través do teatro, o pensamento, a lingua e a cultura de Grecia e Roma aos máis novos. Para sacarlle o maior rendemento pedagóxico a esta experiencia, o festival edita cada ano os títulos das obras representadas nos festivais, traducidas por profesores de Clásicas e acompañadas por unha unidade didáctica, para ser enviadas con antelación a cada un dos alumnos inscritos no festival. En Galicia o festival está organizado pola Sección Galega da Sociedade Española de Estudios Clásicos que ten a súa sede na Facultade de Filoloxía da Universidade de Santiago de Compostela.
Conscientes da distancia que separa Lugo dalgunhas zonas de Galicia e do esforzo económico e de tempo que os desprazamentos supoñen para os asistentes, a Concellería de Educación trouxo o teatro a Ourense con dúas representacións ás que asistiron 1467 persoas, alumnado e profesorado, da cidade e das provincias da Coruña, Pontevedra e Ourense. Este ano apostouse aínda máis, con dous días de teatro con catro representacións, ás que asistirán 2.749 alumnos e profesores de 49 centros de ensino das 4 provincias galegas e de Zamora. Desta forma, o festival non só se consolida en Ourense, senón que xa é a sede galega con máis alumnos e alumnas.
O programa de hoxe abranguía o Edipo Rei, de Sófocles, e a Cásina, de Plauto. Para este mércores, as representacións serán Euménides, de Esquilo, ás 12:00 horas, e Xemeos, de Plauto, ás 17:00 horas.
Gabinete de Comunicación do Concello de Ourense