O CGAC acolle a exposición colectiva de artistas galegos Agrupar_Desagrupar

A mostra -que permanece aberta ata o 26 de xuño- recolle o traballo dunha serie de artistas con gran diversidade de propostas estéticas e conceptuais, que loitarán pola visibilidade da súa obra nun tempo no que a creación artística en Galicia estará marcada por dous acontecementos fundamentais: O despunte de Atlántica nos primeiros anos da década dos oitenta e a creación da facultade de Belas Artes de Pontevedra en 1990.
O arco temporal da mostra arranca cos traballos de Jorge Barbi (1950), paradigma e representante de moitas das rupturas formais e ideolóxicas, e tamén o máis próximo cronoloxicamente ás últimas exposicións atlánticas. E pecha con Carme Nogueira (1970), como artista-ponte, tanto nos aspectos cronolóxicos como no relativo ás súas linguaxes e referencias, coas xeracións posteriores de artistas xa formados na Facultade de Belas Artes. Simón Pacheco, Pamen Pereira, Isaac Pérez Vicente ou María Ruído completan a relación de integrantes deste proxecto.
O feito de non ter acoutado temporalmente a selección de obras permite poñer en diálogo pezas creadas especificamente para esta exposición, con outras realizadas dúas ou tres décadas atrás. O resultado é marcadamente heteroxéneo, amosando toda clase de linguaxes, estratexias e xéneros plásticos: pintura, fotografía, instalación, vídeo, escultura ou arte sonora.
Máis información: http://cgac.xunta.es/GL/exposicion-detalle/61/agrupar_desagrupar_GAL#ad-image-0
Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia