Do 12 ao 14 de agosto volve o Festival Arnette O Marisquiño

Jacobo Sutil, director da Agadic, e Carlos Domínguez, administrador de Ulises Poyect Eventos Especiales, empresa promotora do encontro, asinaron esta mañá na Cidade da Cultura un convenio mediante o que a Xunta de Galicia apoia economicamente o desenvolvemento de diferentes actividades culturais como parte deste encontro, que cada ano congrega milleiros de afeccionados e profesionais das distintas disciplinas presentes no seu programa.
Marca con personalidade propia
O documento rubricado define O Marisquiño como unha marca con personalidade propia que lles achega aos seus seguidores unha ampla oferta cultural. Neste sentido, a música volverá ter un gran protagonismo como complemento á programación deportiva, no marco da que o festival repite como sede da World Cup Skateborading, ademais de acoller diferentes probas, premios e exhibicións de BMX, Freeride Mountain Bike, MTB, Motocross, Flatland ou B-Boying, entre outras especialidades.
Recoñécese igualmente o esforzo dos organizadores por contar cunha ampla participación nacional e internacional de calidade, así como pola transmisión de valores de xuventude, modernidade, amizade, creatividade e riqueza cultural.
O festival desenvólvese no recinto portuario de Vigo, que na pasada edición acolleu máis de 100.000 espectadores durante a celebración de catorce modalidades de deportes urbanos e máis de vinte citas musicais.
Máis información en: http://www.omarisquiño.com/
Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia