Skip to main content
A | B | C | D | E | F | G | I | L | M | N | O | P | Q | R | S | T | V | X | Z

A Xunta destina este ano 23'6 millóns de euros a equipamentos públicos e actuacións en contornos urbanos, un 35% máis que en 2004

O Goberno galego, a través da Consellería de Política Territorial, Obras Públicas e Vivenda, destinará este ano 23,6 millóns de euros a equipamentos públicos e actuacións en contornos urbanos, o que representa un 35 por cento máis que en 2004. Así o anunciou o presidente da Xunta, durante a inauguración do Auditorio-Pazo de Congresos de Ourense, no que o Goberno galego investiu case 14 millóns de euros. No acto tamén participaron, entre outros, o vicepresidente primeiro e conselleiro de Política Territorial, e os titulares das consellerías de Presidencia, Sanidade, Asuntos Sociais e de Emigración, ademais do presidente da Deputación Provincial, o alcalde da cidade e o Bispo.

Segundo Manuel Fraga, o obxectivo que se persegue é, segundo Manuel Fraga, incrementar o nivel de calidade do medio ambiente urbano, a potenciación de núcleos de primeira orde e a mellora das infraestruturas culturais.

“Nós cremos na cultura, con maiúsculas, non na cultura-lixo”, subliñou Fraga, “cremos nunha Galicia de cidadáns cultos, xa que sen eles non é posible encarar os problemas humanos, económicos, ecolóxicos, sociais e políticos dos novos tempos”. Por iso a Xunta apostou pola construción do Auditorio-Pazo de Congresos de Ourense. Nesta liña, o máximo mandatario galego referiuse, ademais, ás infraestruturas deste tipo que o Goberno autonómico ten pensado acometer noutras cidades galegas: “temos en marcha un na Coruña, de inmediata inauguración, e o de Ferrol, e queremos comezar o de Vigo, se nos deixan”, sinalou.

ORDENACIÓN DO TERRITORIO

Na súa intervención, o presidente da Xunta tamén se referiu á importancia dun bo ordenamento territorial, rural e urbano, para lograr a competitividade. “Asumir unha nova cultura do territorio –indicou- significa pensar en Galicia como un todo e establecer orientacións claves para a política urbanística local e para as iniciativas dos diferentes axentes sociais e institucións con competencias sectoriais”.

Neste sentido, Manuel Fraga lembrou que ademais de dispoñer dun determinado modelo de referencia para a política territorial, tamén é esencial definir unha perspectiva de evolución para poder comprometer programas, políticas e orzamentos capaces de ser “detonantes” do proceso de transformación que se pretende acometer. “E niso –subliñou o titular do Goberno galego- estamos a traballar intensamente”. “Xa temos rematado un avance das Directrices de Ordenación do Territorio que remitimos ás institucións e profesionais máis relacionados coa cuestión”.

“Queremos unha sociedade de homes e mulleres cultos, ben preparados, nun contorno agradable no que se respecte a paisaxe e o medio ambiente. Unha Galicia onde se poida traballar e vivir, non sobrevivir”, sentenciou.

“GALICIA ÚNICA”

Na súa intervención, o vicepresidente primeiro e conselleiro de Política Territorial insistiu no concepto que o Goberno galego ten “do que debe ser ou non o seu país” unha “Galicia única, a Galicia dunha única realidade, dun único territorio e dun único sentimento”. “É a Galicia, das cidades e do rural comunicadas entre sí formando un todo indivisible”. Precisamente, engadiu, que isto é o que simboliza o auditorio inaugurado hoxe en Ourense, un edificio –dixo- “que será a hectárea dos encontros, das ideas, dos eventos, das xuntanzas e da sociedade civil ourensá”.

Alberto Núñez Feijóo tamén anunciou hoxe que a Xunta contratará o 100% do que resta para completar a autopista para completar a vía Santiago-Ourense nun prazo máximo de seis meses.

AUDITORIO

O Auditorio-Pazo de Congresos de Ourense supuxo un investimento, por parte da Xunta, de 13.866.398,01 euros.

O edificio conta cunha superficie total de 10.433,80 metros cadrados: 5.582,22 metros cadrados corresponden ao auditorio e os outros 4.851,58 restantes ao aparcadoiro.

PALABRAS DO PRESIDENTE DA XUNTA NA INAUGURACIÓN DO AUDITORIO-PAZO DE CONGRESOS DE OURENSE

- “Hoxe é un gran día para Ourense e Galicia. Hoxe inauguramos este espléndido Auditorio-Pazo de Congresos no que se investiron case 14 millóns de euros. O auditorio ten unha superficie de cerca de 10.500 metros cadrados e está especialmente deseñado para ser un gran referente do mundo da cultura”.

- “Desde a Consellería de Política Territorial, Obras Públicas e Vivenda destínanse este ano 23,6 millóns de euros para equipamentos públicos e actuacións en contornos urbanos. Un 35% máis que en 2004. Pretendemos incrementar o nivel da calidade do medio ambiente urbano, a potenciación de núcleos de primeira orde e a mellora das infraestruturas culturais”.

- “Neste mesmo ano, rematamos hoxe o de Ourense, temos en marcha un na Coruña, de inmediata inauguración, e o de Ferrol, e queremos comezar o de Vigo. Nós cremos nunha Galicia de cidadáns cultos, xa que sen eles non é posible encarar os problemas humanos, económicos, ecolóxicos, sociais e políticos dos novos tempos”.

- “As Directrices de Ordenación do Territorio son un instrumento de carácter global, un marco xeral de referencia. Son as que definen o modelo territorial. Asumir unha nova ‘cultura do territorio’ significa pensar en Galicia como un todo e establecer orientacións claves para a política urbanística local e para as iniciativas dos diferentes axentes e institucións con competencias sectoriais”.

- “É importante dispoñer dun determinado modelo de referencia para a política territorial pero, ao mesmo tempo, é conveniente definir unha perspectiva de evolución para, con carácter estratéxico, poder comprometer programas, políticas e orzamentos capaces de ser detonantes no proceso de transformación que se pretende acometer. E niso estamos a traballar intensamente. Xa temos redactado un avance das Directrices de Ordenación do Territorio que remitimos ás institucións e profesionais máis relacionados coa cuestión”.

- “Desde a Xunta de Galicia apostamos polo desenvolvemento, pero un desenvolvemento de calidade, non a calquera prezo. Queremos unha sociedade de homes e mulleres cultos, ben preparados, nun entorno agradable, no que se respecte a paisaxe e o medio ambiente. Unha Galicia onde se poida traballar e vivir, non sobrevivir”.

Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia