Os museos marítimos galegos, como centros especializados, deseñan unha folla de ruta colaborativa

Esta xornada de traballo permitirá expoñer os modos de traballo, modelos organizativos e prácticas museolóxicas e museográficas presentes en cada centro e abordar a conveniencia de potenciar os intercambios para aproveitar o coñecemento e crear sinerxías que permitan un mellor traballo cotián en cada un destes museos e o mellor aproveitamento dos recursos dispoñibles.
Salvagardando a nosa memoria marítima
Na actualidade conviven en Galicia un importante número de museos e centros de interpretación vencellados ao mar que teñen como obxectivo preservar a memoria marítima e mariñeira. Algunhas destas institucións nacen ao abeiro da Administración autonómica ou das deputacións, os mais dependen de distintos concellos e uns poucos son froito da sociedade civil, ben polo pulo de asociacións ou de carácter estritamente privado.
Os inmobles e recursos, así como os modelos organizativos e as vocacións temáticas destes museos son moi diversos, pero entre todos eles definen un tecido de gran amplitude territorial e con importante arraigo social nos seus respectivos eidos locais. Cada un destes centros vela pola salvagarda e protección do inxente patrimonio marítimo de Galicia, desde eidos tan diversos como o da recuperación das embarcacións tradicionais, a arqueoloxía subacuática ou a etnografía mariñeira.
Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia