Skip to main content
A | B | C | D | E | F | G | I | L | M | N | O | P | Q | R | S | T | V | X | Z

Manuel Fraga resalta as facetas máis descoñecidas de Picasso, cualificándoo de grandísimo escultor, magnífico estampador e ceramista de prestixio

O presidente da Xunta, Manuel Fraga, inaugurou, no Centro Cultural da Deputación Provincial de Ourense, a exposición As Linguaxes de Picasso, unha mostra composta por sesenta obras deste artista malagueño que permanecerá aberta ao público ata o vindeiro 10 de abril. Na súa intervención, o titular do Goberno galego referiuse ás facetas máis descoñecidas do artista, salientando que “o célebre malagueño universal” foi, ademais de pintor e muralista, “un grandísimo escultor en bronce, un magnífico estampador e un ceramista de prestixio”. “A exposición que inauguramos –sinalou Fraga- vén a desentrañar, de xeito moi elocuente, o éxito de Picasso coa pintura, o debuxo, o gravado, a cerámica e a escultura”.

Manuel Fraga tamén indicou que As Linguaxes de Picasso sintetiza unha forma de ver o mundo “que é patrimonio da nosa cultura occidental”, un xeito de entender o presente e o futuro partindo do pasado, da fértil tradición histórica, técnica e cultural de Europa. “Da unión fecunda do novo e do antigo nace a vangarda, e da relectura das tradicións e os mitos nace unha arte construída de moi distinto xeito, sempre atenta e respectuosa co patrimonio do pasado”, subliñou o máximo mandatario autonómico, quen engadiu que, desde este punto de vista “temos que ter a Picasso como modelo de artista”.

SINAIS DE IDENTIDADE

O titular do Goberno galego tamén repasou, na súa intervención, as distintas etapas creativas de Pablo Picasso: desde o dominio do realismo, o posimpresionismo ou o simbolismo, ata mudar “para sempre a historia da arte coa invención do cubismo”, e pasar logo ao surrealismo e, sobre todo, ao expresionismo.

Precisamente “este creativo eclecticismo” é, segundo Fraga, un dos sinais de identidade do artista malagueño. O presidente da Xunta sinalou, ademais, como característica definitoria da obra de Picasso a permanente reinterpretación da vida e da cultura, empregando para elo materiais e técnicas moi distintas.

O máximo mandatario autonómico non quixo rematar a súa intervención sen referirse á vinculación do artista malagueño coa Comunidade galega, subliñando que Pablo Picasso aprendeu a debuxar e pintar na cidade da Coruña, tendo como mestre a Isidoro Brocos.

Finalmente, o presidente da Xunta felicitou á Deputación Provincial de Ourense e a Ibercaja por achegar aos ourensáns e a todos os amantes do mundo da arte de Galicia “esta fermosa mostra”.

PALABRAS DO PRESIDENTE DA XUNTA NA INAUGURACIÓN DA EXPOSICIÓN AS LINGUAXES DE PICASSO

- “As linguaxes de Picasso son tan variadas como estados de ánimo e situacións vitais tivo o artista. Partindo do dominio do realismo, internouse nos derradeiros tempos do posimpresionismo, para despois seguir por derroteiros simbolistas. (...) Logo de poucos anos, Picasso mudou para sempre a historia da arte coa invención do cubismo (...) As linguaxes de Picasso seguiron asombrando ao mundo desde a óptica do surrealismo e, sobre todo, do expresionismo, pero sempre tendo en conta o pasado: a tradición e a cultura europea dos séculos precedentes”.

- “Este creativo eclecticismo é un dos sinais de identidade deste artista total. Outro sinal pode ser a permanente reinterpretación da vida e da cultura que fai Picasso, empregando materiais e técnicas moi distintas”.

- “A exposición que hoxe inauguramos en Ourense vén a desentrañar, de xeito moi elocuente, o éxito de Picasso coa pintura, o debuxo, o gravado, a cerámica e a escultura. Porque o célebre malagueño universal foi, ademais de pintor e muralista, un grandísimo escultor en bronce, un magnífico estampador e un ceramista de prestixio”.

- “Nos lenzos, gravados, esculturas, cerámicas e xoguetes que poderemos ver nesta exposición está sintetizada unha forma de ver o mundo que é patrimonio da nosa cultura occidental. Un xeito de entender o presente e o futuro partindo do pasado, da fértil tradición histórica, técnica e cultural de Europa”.

- “As linguaxes de Picasso son, en definitiva, as linguaxes da nosa cultura recente e histórica. Da unión fecunda do novo e do antigo nace a vangarda, e da relectura das tradicións e os mitos nace unha arte construída de moi distinto xeito, pero sempre atenta e respectuosa co patrimonio do pasado”.

- “Desde este punto de vista –ese respecto polas tradicións, esa veneración polo primitivo, pola terra e a historia- temos que ter a Picasso como modelo de artista”.


AS LINGUAXES DE PICASSO

A exposición As Linguaxes de Picasso está formada por sesenta obras deste artista malagueño, entre pinturas, esculturas, debuxos, gravados, xoguetes, carteis, cerámicas e mesmo libros ilustrados. A obra amósanos cada unha das técnicas que o artista empregou para reflectir o seu particular universo persoal.

Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia