O Festival VdeValarés ofrece na súa décima edición tres días de concertos con recoñecidos grupos galegos e internacionais
![](http://www.galiciadigital.com/images/notas/fotos/v_de_valares_2016.jpg)
O novo cartel do festival, que conta co apoio da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria e de Galicia Calidade, deuse a coñecer esta mañá en rolda de prensa na Cidade da Cultura, coa participación de organizadores e colaboradores.
Oferta musical de calidade
Na presentación, o secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, referiuse ao festival como un evento de referencia na axenda cultural do verán galego que destaca polo seu interese como plataforma de difusión das bandas galegas, polo seu nivel artístico e capacidade de convocatoria, así como por contribuír, en definitiva, a garantir unha oferta musical e cultural de calidade en todo o territorio.
Adrián Varela, director do festival, e David Jiménez Zumalacárregui, director musical, detallaron a programación deste ano, un festival patrocinado por Mahou que ofrecerá entre sete e oito concertos diarios de grupos e artistas consolidados e emerxentes, no marco dun enclave de alto valor ecolóxico e ambiental que consegue conectar a música e a cultura cos valores de respecto ao ecosistema.
Medio ambiente e sustentabilidade
E é que VdeValarés aposta pola organización dun evento sustentable, implicado coa conservación do medio ambiente. Para iso, o consumo de enerxía do festival levarase a cabo con enerxías limpas e renovables e, durante o desenvolvemento do evento, disporanse numerosos puntos de recollida e eliminación con contedores para vidro, plástico e papel, xunto co uso de vasos reutilizables e o reparto de bolsas do lixo. Ademais, o festival galego contará cun campus de traballo ecolóxico, onde voluntarios de diversos países colaborarán para limpar as praias e preservar a contorna.
A música compartirá escenario en Ponteceso cunha gran variedade de actividades culturais polas mañás. Ademais, este ano, VdeValarés presenta a súa primeira inclusión no mundo do skate e ofrece a posibilidade de realizar paddle surf e rutas guiadas pola zona de covas naturais da costa de Valarés.
Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia