Os Encontros monográficos co Patrimonio Cultural analizan a situación de Cova Eirós

O Paleolítico é unha etapa pouco estudada en Galicia e da que Cova Eirós é un dos máximos expoñentes. Todas as facetas (xeolóxica, paleontolóxica e arqueolóxica) que fan desta escavación un complexo singular están presentes na sexta sesión dos “Encontros monográficos co Patrimonio Cultural”, que se desenvolverá mañá na sede do Consello da Cultura Galega. Ramón Fábregas Valcarce falará do xacemento nunha dobre perspectiva: dunha banda, de Cova Eirós como un referente patrimonial do Plistoceno Superior de Galicia e, da outra, da singularidade da arte rupestre atopada en Cova Eirós. Do rexistro faunístico falará a paleontóloga Aurora Grandal d´Anglade. Completa esta revisión do xacemento o codirector da escavación, Arturo de Lombera Hermida, cun dobre relatorio. Primeiro abordará o pasado, para ofrecer un relato cronolóxico da secuencia de ocupacións desde os derradeiros Neandertais ata a construción de Cancelo; e, por último, pechará as intervencións falando do valor patrimonial, do futuro e da necesidade de conservación.
Un foro de debate e reflexión
Os “Encontros monográficos co Patrimonio Cultural” son unha nova proposta da Sección de Patrimonio e Bens Culturais do Consello da Cultura Galega que pretenden poñer o foco sobre actuacións en marcha acerca de bens do patrimonio galego. Fanse con carácter periódico e pretenden participar tanto na caracterización dos bens como na formulación dos tipos de protección deses bens. Insírense nunha liña de traballo da Sección de Patrimonio e Bens Culturais da institución, que busca xerar debate e difusión entre a cidadanía, as administracións e os profesionais arredor de bens patrimoniais sobre os que se estean a desenvolver actuacións. O Museo das Peregrinacións, o Camiño de Santiago, as fortificacións romanas ou as igrexas medievais centraron sesións anteriores destes encontros.
Consello da Cultura Galega (CCG)