Skip to main content
A | B | C | D | E | F | G | I | L | M | N | O | P | Q | R | S | T | V | X | Z

A Xunta promove unha nova depuradora en Vigo que suporá o maior investimento en saneamento na historia do concello

O vicepresidente segundo e conselleiro de Medio Ambiente, Xosé Manuel Barreiro Fernández, e a alcaldesa de Vigo, Corina Porro, presentaron no Concello o estudo realizado por Augas de Galicia para analizar as necesidades de saneamento do municipio a longo prazo. O estudo conclúe as actuacións necesarias no municipio, que consistirán na execución dunha nova depuradora, 4,5 quilómetros de túneles e 2 tanques de tormentas, achegando un total de 190 millóns de euros, é dicir, o maior investimento en saneamento desenvolvido na historia do concello de Vigo.

No acto de presentación, o vicepresidente segundo insistiu na súa demanda de que o Estado declare esta obra de interese xeral, como xa fixo coas depuradoras da Coruña e de Lugo, entre outras. Neste sentido, Xosé Manuel Barreiro sinalou que xa lle presentou a solicitude á ministra de Medio Ambiente, Cristina Narbona nunha carta remitida o pasado outubro. O titular de Medio Ambiente manifestou o seu convencemento en que o Goberno se comprometa a cofinanciar a nova depuradora e non converta esta instalación “fundamental para o desenvolvemento da cidade nun novo elemento de discriminación contra a sociedade viguesa”.

O vicepresidente segundo aproveitou a visita a Vigo para recalcar o compromiso da Xunta co concello. A este respecto sinalou que, só en materia de saneamento, o Goberno galego investiu en Vigo nos últimos dez anos máis de 74 millóns de euros.

CONCLUSIÓNS DO ESTUDO

O estudo conclúe que, na actualidade, a capacidade de transporte dos actuais colectores con tempo seco é suficiente, pero non así a Estación Depuradora de Augas Residuais (EDAR) do río Lagares, que se atopa no seu límite, xa que a poboación á que presta servizo excede a súa capacidade e é imposible dispoñer de terreos para a súa ampliación. O plano de actuacións previsto pola Xunta de Galicia aumentará a capacidade de depuración para servir a unha poboación de 500.000 habitantes -prevista para o ano 2033-.

O actual sistema de colectores seguirase empregando en tempo seco, xa que ten capacidade suficiente. Por outra banda, durante as chuvias, interceptaranse as augas que exceden a capacidade do actual colector da marxe da ría para levalas ata un gran tanque de tormentas que permitirá a súa depuración, evitando tamén así os asolagamentos periódicos. Paliaranse así mesmo as enchentes da zona de Balaídos, xunto ao río Lagares.

NOVA DEPURADORA

A Administración Hidráulica de Galicia construirá unha nova depuradora no Concello de Vigo, que estará totalmente integrada no contorno para que non supoña ningún impacto ambiental sobre o medio. Ocupará unha superficie de 6 hectáreas de terreo industrial xunto ao mar -na zona de recheo da Autoridade Portuaria, en Bouzas- e disporá dun emisario submarino.

A súa capacidade de depuración duplicará á do Lagares, podendo prestar servizo no futuro a 300.000 habitantes e a todas as industrias situadas entre Guixar e Bouzas. Esta capacidade de tratamento permitirá que a nova depuradora, xunto coas instalacións existentes, poidan dar servizo ata 500.000 persoas.

A nova depuradora deixará a actual EDAR do Lagares exclusivamente para ese río, posibilitando así o seu axeitado funcionamento. Cómpre lembrar que Augas de Galicia está executando na actualidade as obras de desodorización, nave de transferencia e pozo de lamas dixeridas na depuradora de Lagares, cun investimento de 2.199.228 euros.

TÚNELES E TANQUES

As actuacións deseñadas por Medio Ambiente inclúen a construción de dous túneles dende a Praza de Isaac Peral e dende Bouzas ata a Praza da Industria. Ambos permitirán interceptar -ata un período de 10 anos- os caudais excedentes dos principais colectores durante as tormentas. A depuración destes caudais e das augas procedentes do actual colector de Marxe da Ría os asolagamentos do Areal e mailos vertidos á ría.

Executaranse ademais dous tanques de tormentas: un na Praza da Industria e outro na zona de Balaídos. Na Praza da Industria construirase un tanque de tormentas de 20.000 metros cúbicos no que se van regular as augas residuais durante as choivas. Situarase nesta instalación un desbaste e unha estación de bombeo, das que partirán unha condución ata a nova EDAR, á que tamén se sumará o actual colector de Marxe da Ría. Incorporarase ademais unha condución de desaugue con saída á zona portuaria.

O outro tanque de tormentas irá na zona de Balaídos para resolver os actuais problemas de enchentes. Este será de 10.000 metros cúbicos e situarase na marxe dereita do río Lagares.
Gabinete de Comunicación da Consellería de Medio Ambiente