Agadic e a MIT de Ribadavia colaboran na promoción do sector teatral galego na 32ª edición da mostra
A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria mantén un ano máis o seu apoio á Mostra Internacional de Teatro (MIT) de Ribadavia, que celebra a súa 32ª edición do 16 ao 24 de xullo. Esta colaboración materialízase nunha achega de 60.000 euros por parte da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) para o desenvolvemento de diferentes accións conxuntas que afondarán na promoción do teatro galego dentro deste importante encontro escénico, organizado polo Concello de Ribadavia baixo a dirección artística de Roberto Pascual.
Así se recolle no convenio asinado na Cidade da Cultura de Galicia polo director da Agadic, Jacobo Sutil, e o alcalde de Ribadavia, José Ignacio Gómez, no que se define a MIT como un dos eventos máis importantes do noso sistema teatral e o “principal catalizador da refundación da escena galega nos anos setenta do pasado século”.
A Mostra de Ribadavia, que en 2013 foi recoñecida co premio da Cultura Galega da Xunta na modalidade de Artes Escénicas, botou a andar en 1973 por iniciativa da Asociación Cultural Abrente e desde entón, tal e como sinala o texto do convenio, foi adquirindo unha maior envergadura ata se converter na “cita de referencia para o conxunto dos profesionais e afeccionados ao teatro non só de Galicia, senón tamén das comunidades limítrofes, que poden acceder deste xeito a propostas de prestixiosos artistas do panorama estatal e internacional, así como ás creacións galegas máis innovadoras que, na meirande parte dos casos, son estreas en Galicia”.
Dinamización cultural e socioeconómica
Sublíñase igualmente este evento como un importante foco de atracción e de dinamización socioeconómica de toda a súa comarca, ao tempo que se incide no seu papel “exclusivo e necesario” no conxunto do sistema cultural galego.
O apoio á MIT por parte da Agadic súmase á convocatoria de subvencións a festivais escénicos e musicais galegos, actualmente en fase de resolución, e a través da que se destinan 390.000 euros para a celebración deste tipo de eventos, considerados estratéxicos para a difusión cultural e para a dinamización da industrias do sector. Deste orzamento, 170.000 euros diríxense especificamente ás mostras de artes escénicas.

Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia