Skip to main content
A | B | C | D | E | F | G | I | L | M | N | O | P | Q | R | S | T | V | X | Z

Manuel Fraga anuncia a posta en marcha do portal de Internet da emigración galega

Os galegos de aquí e os galegos de alá somos todos partícipes na construción desta Galicia Universal. Deste xeito se dirixiu o presidente da Xunta aos 48 participantes do Programa Reencontros, aos que recibiu en San Caetano. Durante o acto, no que tamén participou o conselleiro de Emigración, o presidente da Xunta salientou a inminente posta en marcha dun portal de Internet dedicado á emigración galega, que xorde –en verbas do presidente da Xunta- “como un novo espazo de interrelación de medios e enerxías entre as comunidades galegas e destas con Galicia”.

Segundo o presidente da Xunta, este proxecto instaurará un “verdadeiro mundo de oportunidades” e servirá para que Galicia sexa un sementeiro de ideas e apostas económicas, empresariais, educativas, culturais, políticas e institucionais. “Neste punto o valor da xuventude é o eixo imprescindible para a pervivencia e fortaleza dunha Galicia como tal”, recalcou o mandatario autonómico.

GALICIA, OBRIGADA A REFORZAR OS VÍNCULOS

Para o presidente da Xunta, é vital que Galicia reforce de xeito “permanente” os vínculos da Galicia exterior coa súa terra natal, coa súa historia, coa súa lingua e tradicións. Por eso, sinalou a irrenunciable “obriga moral” que teñen todos os galegos para contribuír á mellora das condicións de vida dos residentes do exterior.

A continuación, Manuel Fraga referiuse aos participantes nesta primeira frase do Programa Reencontros lembrándolles que “sodes homes e mulleres que, con coraxe e decisión, superastes os obstáculos do afastamento e vos abristes camiño no traballo, a honradez e a fatiga, contribuíndo a edificar a sociedade galega e na que vivides, na que medrastes como persoas e criastes aos vosos fillos”.

OS MOZOS, GARANTÍA DE FUTURO

Precisamente, en relación aos descendentes dos emigrantes, o presidente da Xunta sinalou que eles garanten no futuro “os lazos que unen a todos os nacidos nesta mesma comunidade cultural”. Ademais, gracias a estes mozos e mozas, o compromiso concibido desde a fidelidade ás raíces percíbese en permanente interactuación coas novas maneiras de sentir e ver o mundo.

De feito, o Portal da Emigración Galega, que será presentado proximamente, eríxese, principalmente, para que os máis novos poidan acceder a un intercambio áxil de información sobre o patrimonio común da súa orixe.

GALICIA, LUGAR DE ACOLLIDA

O presidente da Xunta tamén lembrou aos 48 emigrantes que hoxe recibiu en San Caetano que “agora Galicia xa non é aquela rexión batida pola sangría da emigración”, senón máis ben, “un lugar de acollida para moitos que vén nela un lugar para o progreso”.

Quixo tamén Manuel Fraga pedirlles aos galegos da diáspora que continúen sendo un exemplo para Galicia. “Seguide sendo embaixadores desta terra surcada polos Camiños de Santiago que, como os vosos corazóns e as vosas memorias, ten como meta este lugar do Finisterrae que vos aprecia e se enorgullece de vós”.

DÍAS DE REENCONTRO

O presidente da Xunta desexou aos participantes no programa que pasen uns felices días na Comunidade Autónoma “baixo o denominador común da convivencia”. Así, emprazounos a que transmitan ás súas familias a súa sincera expresión de cariño e de amistade.

“A galeguidade, a cultura e os sinais identitarios de Galicia [...] están latexando forte e saudablemente máis aló das nosas fronteiras”, gracias ao labor dos galegos da diáspora, concluíu Manuel Fraga.

Os 48 participantes nesta primeira fase do Programa Reencontros con Galicia acóllense ao programa Axudas para viaxes a España de emigrantes maiores promovido polo Ministerio de Traballo e Asuntos Sociais. Os participantes son persoas nacidas en Galicia que contan máis con 60 anos. Tamén participan os seus cónxuces. Proceden, principalmente, de Arxentina, Brasil, Colombia e Uruguai.

FILOSOFÍA DE REENCONTROS

Tal e como asegurou o presidente da Xunta, Reencontros constitúe un verdadeiro proxecto social e humano co que se procura achegar a Galicia aos milleiros de galegos residentes no exterior co fin de que estreiten “lazos persoais e familiares” cos seus amigos e parentes de Galicia.

INTERVENCIÓN DO PRESIDENTE DA XUNTA NA RECEPCIÓN AOS PARTICIPANTES NO PROGRAMA REENCONTROS

-“A vosa terra vos recibe hoxe cos brazos abertos. Durante moito tempo a emigración conservou unha compoñente de distancia física entre o que partía e a sociedade que deixaba”.

-“Este distanciamento contrasta hoxe cunha Galicia que proxecta todo o seu caudal humano, a súa tradición cultural e presencia a escala planetaria. Os galegos de aquí e os galegos de alá somos todos partícipes na construción desta Galicia universal”.

-“O Programa Reencontros [é] un verdadeiro proxecto social e humano co que se procura achegar a Galicia aos milleiros de galegos residentes no exterior. Desde hai anos este programa revelouse como a fórmula oportuna para o estreitamento dos lazos persoais e familiares e a recuperación física e sentimental do enlazamento coa terra cos que aquí estades hoxe e cos que temos un maior deber de solidariedade, por todo canto fixestes por Galicia”.

-“Galicia está obrigada a reforzar permanentemente os vínculos desa Galicia Exterior coa nosa terra, coa súa historia, a súa lingua e tradicións. Nunca puidemos esquecer a obriga moral que nos une a todos os galegos de contribuír á mellora das condicións de vida dos residentes no exterior”

-“Porque nos identificamos coas aspiracións das novas xeracións dos fillos de galegos sabemos da necesidade de novas estruturas que faciliten o intercambio áxil de información entre estes rapaces que teñen en común o enorme patrimonio da súa orixe”.

-“De aí, o Portal da Emigración Galega –que será presentado proximamente- e que xorde coma un novo espazo de interrelación de medios e enerxías entre as comunidades galegas e destas con Galicia”.

-“Así, este proxecto promete instaurar un verdadeiro mundo de oportunidades que, cada día, irá gañando en calidade e importancia e que fará de Galicia un sementeiro de ideas e apostas económicas, empresariais, educativas, culturais, políticas e institucionais. Neste punto o valor da xuventude é o eixo imprescindible para a pervivencia e fortaleza dunha Galicia como tal”.

-“Moito cambiaron as cousas desde que partistes, tanto na vosa terra de orixe, Galicia, coma nesta outra terra na que vivides e votastes raíces. Máis, a pesares dos anos –e de que agora Galicia xa non é aquela rexión batida pola sangría da emigración, senón un lugar de acollida para moitos que vén nela un lugar para o progreso-, o certo é que o fenómeno da diáspora segue marcando a vosa esencia como pobo”.

-“Seguide sendo exemplo de Galicia. Seguide sendo embaixadores desta terra sucada polo Camiños de Santiago que, como os vosos corazóns e as vosas memorias, ten como meta este lugar do Finisterrae que vos aprecia e se enorgullece de vós”.

-“Estes son para vós días de lecer e de reencontro coa realidade de Galicia, baixo o denominador común da convivencia, entre os que vivistes a experiencia da emigración. Transmítovos a miña máis cariñosa aperta e encoméndovos a que ao regresar lle levedes ás vosas familias a miña sincera expresión de cariño e de amistade”.


FICHA TÉCNICA: PROGRAMA REENCONTROS

Nesta primeira fase do Programa Reencontros, que ten como obxectivo achegar á Comunidade Autónoma a aqueles galegos que estean desfrutando do programa do Ministerio de Traballos e Asuntos Sociais Axudas para viaxes a España de emigrantes maiores, que se desenvolve en distintos puntos das costas de Tarragona e Girona.

O programa ten como obxectivo achegar aos participantes desde o lugar no que están hospedados ata Santiago de Compostela onde se lles proporcionará réxime de pensión completo. Ao día seguinte de que cheguen a Santiago, realizarán unha xornada de carácter cultural e son recibidos polo presidente da Xunta. Despois de pasar dous días en Compostela quedan a disposición dos seus familiares en Galicia.

O programa diríxese a aquelas persoas que, tendo nacido en Galicia, conten con máis de 60 anos e aos cónxuxes destes. Ao programa, que se desenvolverá en tres etapas, acóllense, principalmente, emigrantes de Arxentina, Brasil, Colombia e Uruguai, Nesta primeira fase do Programa Reencontros, que se desenvolve o 16, 17 e 18 de marzo participan un total de 48 persoas. A segunda fase desenvolverase o 5, 6 e 7 de maio e contará cunha maior participación, cifrada entre 84 e 116 participantes, e a terceira fase, que será celebrada a mediados de maio, contará con máis de 200 participantes.

Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia