Ourense e Marta Sánchez, protagonistas do spot oficial da Vuelta a España 2016

Manuel Baltar destacou a importancia deste evento deportivo para a provincia de Ourense como "unha das tres probas de ciclismo máis importantes de ámbito mundial, que nesta 71 edición terá a Ourense como protagonista".
O presidente da Deputación de Ourense, impulsor do feito histórico de que por primeira vez na súa historia, a "Vuelta" percorra catro etapas na provincia de Ourense, dixo que esta proba ciclista ademais de deporte "supón repercusión económica e proxección mediática, impulsada con este videoclip, cunha canción que foi escrita e creada, especialmente para esta ocasión, pola raíña do pop español, Marta Sánchez".
Ao respecto da canción, Baltar asegurou que "encaixa perfectamente coa filosofía de "La Vuelta" e agradeceu que Ourense "sexa o estreo deste hit musical".
Marta Sánchez dixo que crear esta canción "é unha grande oportunidade para promocionar con forza "Galicia no mundo", unha das terras máis belas", e lembrou a súa vinculación con Galicia, por ser gran parte da súa familia de aquí. Ademais asegurou que descubrira "paraxes espectaculares en Ourense", e que sempre estivo moi vencellada ao mundo do deporte. Así mesmo, felicitou a Minimalia e a Anxo Lorenzo "por poñer o seu toque maxistral" ao tema El ganador. A cantante dixo estar orgullosa por ser "a primeira vez que alguén compón e crea un tema especialmente para a ocasión".
Javier Guillén explicou que contar con Marta Sánchez na gravación do spot de "La Vuelta" débese a que "na busca da calidade para ser os mellores, topamos en Marta a excelencia", e engadiu que contar con ela "vainos permitir chegar a todo tipo de públicos. Sempre que canta fainos bailar e, a partir de agosto, faranos pedalear".
O spot que se anunciará en televisión a partir do 2 de xullo "anunciará que "La Vuelta" se retransmitirá en TVE desde o 20 de agosto, e ademais atraerá á xente para que vexa a proba a través da televisión e tamén se anime a visitar Galicia", sinalou o director da "Vuelta".
A directora de Turismo de Galicia asegurou que a emisión deste spot de xullo a setembro é "unha magnífica ferramenta para dar a coñecer a excelente gastronomía e o patrimonio cultural diseminado por toda a xeografía galega", e engadiu que esta proba "conxuga deporte con promoción turística, e este spot supón unha carta de presentación de Galicia como destino, a nivel internacional".
Gabinete de Comunicación da Deputación Provincial de Ourense