Diego Calvo incide na grandeza do Festival Internacional do Mundo Celta de Ortigueira na presentación da súa XXXII edición

Durante o acto, ao que asistiron representantes do Concello de Ortigueira, da Deputación da Coruña e tamén patrocinadores e membros da organización, Calvo referiuse ao Festival como “algo grande, que basea a súa grandeza nun cartel de actuacións e actividades que mellora cada ano, no enclave paisaxístico onde se celebra e nunha traxectoria que arrancou no ano 1978 e que hoxe mantén a súa esencia”.
Por iso, insistiu en que “non estamos a falar dun festival calquera, senón dunha manifestación como poucas dos valores culturais e da tradición popular”, así como dun reclamo turístico que traspasa as fronteiras da provincia da Coruña, de Galicia e de España. “Todos os que estamos aquí sabemos que o Festival de Ortigueira é máis que un festival, xa que hai moitos anos que deixou atrás esa denominación para converterse nun referente da unión de culturas a través da música”, matizou Calvo, que lembrou tamén que a Xunta de Galicia colabora coa organización deste evento cunha achega de 40.000 euros.
Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia