Skip to main content
A | B | C | D | E | F | G | I | L | M | N | O | P | Q | R | S | T | V | X | Z

Presentada en Compostela a ILP na defensa dos ríos galegos

Representantes das organizacións promotoras apresentaron a Iniciativa Lexislativa Popular que procura defender os ríos. As ameazas e estes non son poucas nen irrelevantes: a alteración física, a perda e degradación dos hábitats, a invasión de zonas de inundación, a sobreexplotación, a contaminación e a introdución de especies invasoras.

Os ríos galegos caracterízanse pola súa elevada biodiversidade. Aliás, xogaron un papel transcendental na economía tradicional e na conformación non só da paisaxe, senon tamén da cultura e identidade galegas. Mais nas últimas décadas fomos dando as costas aos ríos, comezamos a vivir ignorándoos. O prezo pagarémolo tod@s.

Os ríos da comarca de Compostela e a súa área de influencia non son alleos a estes problemas. Santiago atópase entre dous grandes ríos, o Tambre e o Ulla, inzados de encoros e proxectos de novas centrais hidroeléctricas. Sar e Sarela, que atravesan a cidade, padecen a presión humana especialmente en forma de verquidos e obras públicas. Na parroquia compostelana de Berdía foi alterado recentemente o perfil do río por mor dos movimentos de terra realizados por unha empresa sen escrupos. En Bertamiráns podemos comprobar cómo non se debe facer un paseo fluvial. As Brañas de Brins, tamén na capital de Galiza, sufriron igualmente os movimentos de terras. No río Xallas, afluínte do Tambre, na confluencia entre os Concellos de Negreira, Outes e Noia, están a comezar as obras dun novo miniencoro: os acivros, loureiros, carballos… da vexetación de ribeira serán destruídos xunto cun frezadoiro de salmón, reo e lamprea.

Estamos a matar os ríos. Podémolo evitar, modificando os nosos hábitos, deixando de vivir de costas a eles e a toda a vida que neles hai, mais tamén apoiando esta Iniciativa Lexislativa Popular.

Mesas:
Terzas (Martes), Praza do Toral, de 11:00 a 14:00 e de 17:00 a 20:00
Quintas (Xoves), Praza Roxa, de 11:00 a 14:00 e de 17:00 a 20:00
Sábados, Praza do Toral, de 11:00 a 14:00
Adega