Skip to main content
A | B | C | D | E | F | G | I | L | M | N | O | P | Q | R | S | T | V | X | Z

A media do incremento salarial pactado en Galicia situouse no 3'9% en 2004, 0'6 puntos por riba da suba do IPC

A media do incremento salarial pactado nos convenios colectivos rexistrados en 2004 en Galicia situouse no 3,9 por cento, 0,6 puntos por riba do IPC galego dese ano (3,3%) e superior tamén ao IPC estatal (3,2%). Así se desprende dun informe da Consellería de Relacións Laborais sobre a evolución da negociación colectiva en Galicia no pasado exercicio.

Por provincias, a que experimentou un maior aumento salarial foi Lugo, cunha suba do 4,27%, seguida das provincias da Coruña e Pontevedra, onde os incrementos foron do 4,07% e 3,88% respectivamente. O incremento en Ourense foi do 3,81%, e nos convenios de Comunidade Autónoma ou interprovinciais, do 3,22%.
En total, no pasado exercicio rexistráronse 57 revisións salariais que afectaron a un total de 102.457 traballadores e 23.739 empresas. Destas 57 revisións salariais, 31 se enmarcan en convenios de empresa e outras 26 en convenios de sector, afectando, respectivamente, a 3.279 e 99.178 traballadores.

Cómpre engadir que, aparte das mencionadas revisións, foron obxecto de rexistro un total de 21 cláusulas de revisión salarial, que afectaban na súa totalidade a 9.736 empresas e 70.245 traballadores. As clausulas de revisión salarial incluídas nos convenios colectivos pretenden garantir o poder adquisitivo dos traballadores ou o incremento pactado. Xeralmente, fanse depender do IPC real ao final do ano en relación co IPC previsto incialmente.

CONVENIOS COLECTIVOS

Segundo se recolle no informe, entre xaneiro e decembro de 2004 rexistráronse un total de 195 convenios colectivos en Galicia, que afectaron a un total de 22.393 empresas e 205.782 traballadores. Por tipoloxía, destes 195 convenios, 144 son de empresa (afectando a 23.831 traballadores e 143 empresas) e 51 de sector (con 181.951 traballadores afectados e 22.250 empresas).

A estes convenios hai que engadirlles aqueles que foran rexistrados en anos anteriores e que aínda tiñan vixencia para o ano 2004 ou anos superiores, o que sumaría un total de 391 convenios con vixencia expresa en 2004 (rexistrados en 2004 ou anos anteriores), que afectaron a 330.889 traballadores e 46.564 empresas. Destes 391 convenios, 77 son de sector (afectaron a 46.243 empresas e 279.275 traballadores) e 314 de empresa (que afectaron a 321 empresas e 51.14 traballadores).

Polo número de traballadores afectados, os convenios con vixencia expresa para 2004 superaron a cobertura dos convenios con vixencia expresa para 2003 (rexistrados en 2003 ou en anos anteriores), que afectaban a un total de 326.225 traballadores, se ben o numero de convenios e de empresas implicadas foi inferior ao do constatado no exercicio anterior (398 convenios e 55.057 empresas en 2003).


Gabinete de Comunicación da Consellería de Asuntos Sociais, Emprego e Relacións Laborais da Xunta