Skip to main content
A | B | C | D | E | F | G | I | L | M | N | O | P | Q | R | S | T | V | X | Z

Regresa o roteiro Camiño ao Gaiás, da Universidade de Santiago (USC), entre xullo e setembro de 2016

O percorrido, duns cinco quilómetros, terá lugar nas tardes de todos os xoves de xullo e agosto e os dous primeiros de setembro.

Nesta ocasión farase unha variación no final e no comezo do percorrido con respecto ao ano pasado. Partirase da Oficina de Turismo de Santiago, na rúa do Vilar, para seguir pola rúa Nova, Caldereiría e a Facultade de Xeografía e Historia. Collendo a rúa das Ameas chegarase ao Mercado de Abastos para logo baixar á rúa da Virxe da Cerca. Súbese despois pola rúa de San Pedro ata chegar á súa igrexa e dende aí báixase ao parque de Belvís. Tras percorrelo, polas rúas do Olvido e Sar, chégase á colexiata de Santa María. Só resta acadar a rúa de Diego Bernal para entrar no Bosque de Galicia que chega á Cidade da Cultura.

A actividade está pensada para calquera persoa interesada, aínda que non se recomenda para menores de 10 anos. As persoas inscritas terán ademais a oportunidade de facer unha visita guiada á exposición ‘Con-Fío en Galicia’, no Museo Centro Gaiás.
Gabinete de Comunicación da Universidade de Santiago de Compostela (USC)