Skip to main content
A | B | C | D | E | F | G | I | L | M | N | O | P | Q | R | S | T | V | X | Z

Turismo de Galicia e O Carballiño promocionan a LII Festa do Polbo

A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, e o alcalde do Carballiño, Francisco José Fumega Piñeiro, asinaron un convenio de colaboración dotado con 25.000 euros para o impulso da LIII Festa do Polbo desta localidade, que se celebra o vindeiro mes de agosto.

Nava Castro enxalzou que esta celebración, na que anualmente se preparan 40.000 quilos deste cefalópodo, é dende 2012 unha das 11 festas galegas declaradas como de interese turístico nacional, o que recoñece o seu arraigo, antigüidade, singularidade e valor cultural e a converte nun grande atractivo turístico para a Comunidade.

Neste sentido, a directora expresou o apoio do Goberno galego á promoción das festas de interese turístico, unha liña de traballo xa recollida no Plan Integral de Turismo de Galicia, dado que forman parte da cultura e constitúen un recurso turístico con grande capacidade de atraer turistas e excursionistas ao longo de todo o ano.

Nava Castro explicou que a Festa do Polbo do Carballiño é unha das máis de 300 festas gastronómicas de Galicia, que resaltan a cociña galega e amosan ao turista os pratos máis representativos de cada recuncho da terra. Estas celebracións súmanse ás máis de 100 festas de interese turístico galego, ás 11 de interese turístico nacional e ás 9 de interese internacional.

A directora afirmou que se trata dunha ampla oferta para o visitante, tanto a nivel gastronómico como cultural, e que é motor da economía galega. De feito, lembrou que a gastronomía é a segunda motivación pola que os turistas escollen Galicia como destino, despois dos recursos naturais.

Nesta liña, a directora afirmou que con iniciativas deste tipo se contribúe á mellora dos datos do turismo no xeodestino de Ourense, onde nos primeiros cinco meses deste ano a cifra de viaxeiros aloxados foi superior a 108.000, experimentando un incremento do 17,1%, mentres que as pernoitas subiron un 22,4%, con preto de 200.000.

A directora aproveito para enxalzar que as festas tamén contribúe á difusión cultural e histórica e saber, neste caso, que o polbo chegou a unha localidade de interior como o Carballiño dende as rías galegas, concretamente dende Marín, grazas ás compensacións ou rendas señoriais que os monxes do mosteiro de Oseira recibían polas propiedades da Igrexa na costa. A partir de aí, a comercialización do produto pola zona fixo que chegase a mans das polbeiras do Carballiño, que souberon atopar a receita e a técnica axeitadas.

Ademais, Nava Castro tamén subliñou o éxito desta festa ao longo do tempo, que comezou como unha reunión de amigos nos anos 60 e agora conta con numerosos visitantes e recoñecemento a nivel nacional.
Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia