Skip to main content
A | B | C | D | E | F | G | I | L | M | N | O | P | Q | R | S | T | V | X | Z

Xenerosos e entregados como María: Pastoral do Bispo sobre o Día do Seminario

O lema co que se nos presenta este ano o Día do Seminario di: Xenerosos e entregados como María. A figura sempre atraente de María, neste ano en que conmemoramos o 150 aniversario do dogma da Inmaculada Concepción, ilumina especialmente as nosas celebracións. Ela, pola súa exemplar xenerosidade e permanente entrega ó querer de Deus, é modelo de tódolos discípulos do seu fillo. Éo de forma peculiar, para quen na vida sacerdotal, desde unha estreita relación con Xesucrito, aspira a compartir “os gozos e as esperanzas, as tristezas e os sufrimentos” de todos aqueles –homes e mulleres, nenos e xoves- a quen serán enviados algún día.
Cristo segue invitando a algúns a seguilo de preto e entregar a súa vida polos demais. E hai quen o escoita con xenerosidade e, como María, sabe dicir “SI” ó Señor. No curso actual, no noso Seminario, case unha vintena de seminaristas maiores prepáranse para ser sacerdotes dentro de poucos anos e servir ós seus irmáns nalgunha das nosas comunidades. É un don precioso de Deus que debemos agradecer e corresponder.
Aléntovos, pois, co mellor interese, a rogar polos seminaristas, para que perseveren na súa xenerosidade, como María, e o pobo de Deus poida encontrar mañá neles ó pastor, verdadeiro home de Deus, sempre disponible e próximo ás súas necesidades, pronto a gastar a súa vida en favor de todos, levando ánimo, alegría e, sobre todo, paz e esperanza, a unha sociedade ensombrecida, falta de orientacións e luz interior.
E tamén, polos formadores e profesores do Seminario. A eles incumbe a comprometida e delicada tarefa de acompañar de preto e axudar ós seminaristas para que poidan ser un día “luz do mundo e sal da terra” co coñecemento, predicación e vivencia do Evanxeo.
Pero moi especialmente invítovos a orar polas familias cristiás. Son elas as que teñen unha especial responsabilidade na vocación dos seus fillos na fe e nos valores do Evanxeo e promover neles os grandes valores cristiáns. En máis dunha ocasión acércanseme xentes de pequenas freguesías que carecen de párroco e pídenme con nobre insistencia que lles envíe algún. Dóeme non poder compracelas, e véxome obrigado a recordarlles que os sacerdotes “non caen do ceo” nin “nacen no bispado”, senón nos fogares, nos fogares das familias cristiás. E é nelas, nun ambiente de fe, onde cabe esperar que broten e medren as vocacións dos futuros sacerdotes.
Agradézovos vivamente a proximidade e a axuda que, ano tras ano, vides prestando ó noso Seminario. Tamén a axuda económica. A nosa diocese está empeñada nunha amplísima remodelación do seu Seminario. Está dotándose dos mellores medios e máis aptos para que poida cumprir convenientemente a súa importantísima tarefa. Dígovolo con ilusión: merece a pena facer todo o posible para vivir moi de cerca este afan da diocese e colaborar con cariño nesta obra.
O Día do Seminario haberá de ser un día de gran esperanza. Apoiámonos no amparo maternal de Santa María. Que ela nos alcance as vocacións que tanto necesitamos.
Medios de Comunicación Obispado de Lugo