Skip to main content
A | B | C | D | E | F | G | I | L | M | N | O | P | Q | R | S | T | V | X | Z

A FEG solicita a Consellería explique publicamente cales son as medidas adoitadas para controlar o efecto negativo da pesca en condicións de seca.

A Federación Ecoloxista Galega considera que ante a situación de seca e niveis de caudal tan baixo en ríos e regatos da xeografía galega non hai medidas que sirvan para garantir a conservación dos recursos piscícolas, tal e coma anunciou a propia Consellería de Medio Ambiente hoxe. Salvo que a Consellería teña pensado encher con auga os caudais e abrir os centos de obstáculos que sobresaen sobre a lámina de auga e que impiden o movemento dos peixes. A única garantía con criterio de fiabilidade técnica cara a conservación é retrasar a temporada mentres que non chova.

Atopámonos nunha situación extremamente delicada para a supervivencia, migración e reprodución das mermadas poboacións de especies coma o salmón, troita, reo, lamprea, e algúns ciprínidos, e a apertura da pesca vai contribuír agudamente a empeorar o seu estado de conservación. As consecuencias desta mala xestión poden prolongarse durante varios anos e de forma irreversible.


Non se pode apostar a solucionar o problema tódolos anos agardando ás repoboacións, cando estas están na actualidade desaconselladas pola comunidade científica, rexistran ademais un fracaso enorme na superviviencia, e son causa dun empobrecemento xenético das especies salvaxes. No caso da troita está constatada a enorme variabilidade xenética que pode existir incluso entre cuncas fluviais próximas xeograficamente, e o que fai a Consellería de Medio Ambiente e fomentar o uniformidade e empobrecemento xenético das variedades, incluso con especies alóctonas empregadas para os concursos.


A FEG solicita entón que a Consellería de Medio Ambiente explique publicamente cales son as medidas adoitadas para controlar o efecto negativo da pesca en condicións de seca.


Os argumentos que barallamos están recollidos claramente na Lei de Pesca Fluvial, e a Consellería debería velar por que a mesma se cumprira. Incluso xa son varios os colectivos de pescadores que se pronunciaron en contra da apertura da pesca nestas condicións, e de realizarse unha enquisa entre os numerosos pescadores que mañá sairán a pescar a maioría coincidiría que esta decisión é pouco acertada e solo contribuirá a esgotar a danada riqueza piscícola que quedan nos nosos ríos.

Federación Ecoloxista Galega