A exposición Galicia 100, promovida polo Consello da Cultura Galega, chega á Coruña
![](http://www.galiciadigital.com/images/notas/fotos/galicia_cen_logo.jpg)
A exposición Galicia 100 está comisariada por Manuel Gago e contou cun consello asesor de destacados especialistas encabezado por Ramón Villares entre os que figura Carlota Álvarez Basso, José Miguel Andrade Cernadas, Fernando Bouza, Felipe Criado Boado, Guillermo Escrigas, Lourenzo Fernández Prieto, Pegerto Saavedra e Dolores Vilavedra. Máis de sesenta institucións, empresas e coleccionistas de Galicia e do exterior participaron no proxecto do Consello da Cultura Galega facilitando o acceso aos obxectos.
A exposición amosa unha selección de cen obxectos, entre os que hai pezas de ámbito cotiá, como pode ser un morteiro de améndoas de mediados do século XVII, un bidón de leite que representa a evolución do sector agrogandeiro ou un pote de queimada, xunto con outros máis emblemáticos como poden ser a bandeira do Consello de Galiza ou a Mariscala, cadea coa que se considera que foi encarcerado o mariscal Pardo de Cela. Un relato da evolución da cultura galega en función da capacidade dos obxectos de explicar aspectos da identidade, o territorio, a sociedade e a cultura galegas e os seus cambios.
A exposición reúne fisicamente case setenta obxectos da selección nunha estrutura dividida en sete grandes módulos (Poder, Territorio, Comunidade, Códigos, Transicións, Redes e Trasmundo). Na mostra, as pezas agrúpanse entre si rompendo o tradicional esquema cronolóxico e buscando o diálogo e as relacións a través de épocas, das pezas entre si e delas co visitante. A proposta anima o visitante a explorar as relacións e os sentidos entre obxectos, combinando pezas de gran valor e significado histórico con obxectos cotiás e humildes do noso pasado.
Consello da Cultura Galega