O XI ciclo Escritores na Universidade, na UDV, debate sobre a Teoría de contrarios

García Gómez destacou a boa saúde da literatura galega e a calidade excepcional dos seus autores e valorou ambos como “factores prestixiadores do idioma galego que deben seguir actuando mentres se incorporan outros novos, como o uso na investigación e divulgación científica ou o valor no mercado laboral”. Neste sentido, sinalou que “unha xornada coma a de hoxe, Día Europeo das Linguas, orientada a potenciar a diversidade lingüística do noso continente, semella especialmente adecuada para botar a andar unha iniciativa coma a que nos reúne aquí, que aspira a divulgar a literatura en galego”.
Acompañaron o secretario xeral na mesa inaugural Cesáreo Sánchez, presidente da Asociación de Escritores en Lingua Galega (AELG); Rexina Vega, profesora da Facultade de Filoloxía e Tradución, coordinadora do ciclo e integrante da AELG; Beatriz Rodríguez, vicedecana de Calidade da Facultade de Filoloxía e Tradución; Xosé Henrique Costas, director do departamento de Filoloxía Galega.
Teoría de contrarios
O XI Ciclo 'Escritores na Universidade' desenvolverase ao longo dos meses de setembro e de outubro baixo o título xeral de “Teoría de contrarios”. Na primeira das súas mesas redondas, celebrada hoxe, interviñeron Susana Sánchez Arins e Xesús Constela, quen, baixo o título “Literatura e/ou mercado?”, reflexionaron sobre o concepto de gran público no sistema literario galego.
O próximo 5 de outubro, ás 10:00 h, o salón de actos da Facultade de Filoloxía e Tradución acollerá a mesa “Poesía ou performance?”, no curso da cal Iolanda Zúñiga e Silvia Penas tratarán dos límites difusos entre ambas. Na mesma hora e lugar celebrarase, o 19 de outubro, a derradeira mesa de debate, “Drama ou posdrama?”, coa intervención de Avelina Pérez e de Manuel Lourenzo, que se ocuparán da vixencia do drama e do posdrama no relato teatral contemporáneo.
A entrada é libre en todos os casos e o programa completo pódese consultar en http://www.aelg.gal/actividades/escritorases-na-universidade/2016/9/26/xi-ciclo-de-mesas-redondas-escritorases-na-universidade.
Colaboración coa Asociación de Escritores da Lingua Galega
'Escritores na Universidade' é unha iniciativa da AELG en colaboración coa Facultade de Filoloxía e Tradución da Universidade de Vigo e da Consellería de Cultura e Educación a través da Secretaría Xeral de Política Lingüística.
A Consellería, mediante un convenio de colaboración, apoia esta e outras actividades da AELG que inciden na difusión da obra dos escritores en lingua galega, como as visitas de escritores a Centros de Estudos Galegos dependentes da Secretaría Xeral de Política Lingüística, o II Ciclo de Literatura Infantil e Xuvenil que se celebra na Facultade de Ciencias da Educación de Ourense (Universidade de Vigo) ou o XIII Curso de formación continua 'As literaturas infantís e xuvenís ibéricas. A súa influencia na formación lectora'.
Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia